O XI FESTIVAL SINGULAR REFORZA EN NARÓN A SÚA DIMENSIÓN INTERNACIONAL E APOSTA POLA ACCESIBILIDADE
Narón presentou este luns a undécima edición do Festival Singular, unha cita xa consolidada no calendario cultural galego que regresa do 6 ao 29 de marzo cunha programación diversa e comprometida.
O festival, organizado a través do Padroado da Cultura co apoio da Xunta e a Deputación, reafirma o seu carácter único ao xuntar creación escénica galega, propostas estatais e internacionais, formación profesional e encontros sectoriais que sitúan a cidade como punto de referencia cultural.
A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou durante a presentación que o Singular “segue medrando como un espazo de creación, encontro e diálogo cultural, mantendo unha identidade propia baseada na calidade artística e no compromiso social”. Nesta edición programaranse un total de 16 actividades ao longo de 24 días, entre elas 12 espectáculos —oito para público adulto e catro dirixidos á infancia e á mocidade, o Singulariño— ademais de formacións, encontros profesionais e actividades paralelas.
A elas fixo referencia o presidente da Agadic, Jacobo Sutil, que, tras salientar a colaboración insterinstitucional neste evento apuntou que o Singular “é moito máis que unha representación de espectáculos, é unha forte aposta pola formación e pola mirada feminina, que tamén acolle unha mesa redonda para falar de festivais internacionais de artes escénicas e, algo que é moi particular deste evento, que son os encontros profesionais para xerar oportunidades para as artes escénicas galegas”.
Pola súa banda, Cristina García, deputada provincial de Plans, manifestou que “O Singular é un exemplo claro de como un festival de base local pode ter impacto internacional. Esta undécima edición demostra a solidez e madurez dun proxecto polo que hai que parabenizar o Concello de Narón e, nomeadamente, o Padroado”.
Entre as novidades deste ano destaca a posta en marcha dunha nova web específica do Festival Singular, creada para facilitar o acceso á información e mellorar a experiencia do público. Así mesmo, como destacou Ferreiro, o festival incorpora por primeira vez medidas específicas de accesibilidade en dous espectáculos, desenvolvidas en colaboración con entidades locais vinculadas ao ámbito da discapacidade e con dúas compañías galegas, co obxectivo de avanzar cara a unha cultura sen barreiras.
A programación artística aborda temáticas actuais como a igualdade, a memoria colectiva, a diversidade, as migracións ou o coidado do medio, consolidando o compromiso do festival cunha escena contemporánea conectada coa realidade social. Sete dos doce espectáculos programados pertencen a compañías galegas, tres proceden do resto do Estado e dous teñen carácter internacional, incluíndo estreas e propostas que reforzan o diálogo cultural entre Galicia e Latinoamérica.
A formación constitúe outro dos piares desta edición, con tres obradoiros especializados impartidos polas profesionais Noemí Rodríguez, Esther Carrodeguas e a creadora uruguaia Angie Oña. Estas actividades, desenvolvidas na Escola Municipal de Arte Dramática, afondarán na creación escénica, a dramaturxia contemporánea e a interpretación desde unha perspectiva artística e social.
O festival acollerá ademais un encontro profesional sobre festivais internacionais de artes escénicas, unha rolda de negocios entre programadores nacionais e internacionais e compañías galegas, así como unha nova asemblea da Rede Euro-latinoamericana de Artes Escénicas (REDELAE), na que participarán directores de Costa Rica, República Dominicana, Uruguai, Brasil, Panamá, Nova York, Chicago, Venezuela, Portugal e Chile. E do Estado español: de Euskadi, Canarias e Galicia.
O Festival Singular continúa tamén coa súa aposta pola visibilidade das creadoras e das propostas unipersoais femininas, unha das súas señas de identidade, ao tempo que impulsa a creación de públicos a través dunha programación para todas as idades e dunha forte conexión co tecido educativo e asociativo da comarca.
Desde o Concello subliñan que o impacto do festival vai máis alá do eido cultural, contribuíndo á dinamización social e económica do municipio e consolidando Narón como un referente das artes escénicas en Galicia. Durante as semanas de celebración, o Pazo da Cultura e outros espazos municipais converteranse nun punto de encontro para artistas, profesionais e público, fortalecendo o papel da cidade como territorio activo e comprometido coa cultura.