NARÓN ABRE A COMPETICIÓN DO CLUB DE DEBATE ALINGUA 2026 CUNHA REFLEXIÓN SOBRE A SAÚDE MENTAL DA MOCIDADE
O Pazo da Cultura de Narón acolle este luns 2 e martes 3 de marzo as fases clasificatorias do Club de Debate Alingua na súa edición de 2026, unha cita na que alumnado de secundaria deberá demostrar as súas habilidades comunicativas, a capacidade argumentativa e a creatividade á hora de defender distintas posturas nun debate público.
Xoves, 26 de febreiro de 2026. O tema escollido este ano propón unha reflexión de plena actualidade: “O estilo de vida actual é nocivo para a saúde mental da xente nova”. Os equipos participantes terán que defender tanto a posición a favor como en contra, valorándose a orixinalidade, a solidez dos argumentos e a adecuación das intervencións.
Nas xornadas que se celebran en Narón participará alumnado procedente dos concellos de Narón, Ferrol, Betanzos, Pontedeume e Carballo. No caso do municipio anfitrión competirán oito equipos: catro do IES As Telleiras, tres do IES Terra de Trasancos e un do CPR Santiago Apóstol.
As fases clasificatorias continuarán entre os días 4 e 6 de marzo no Concello de Rois, onde competirán estudantes de Ames, Dodro, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Betanzos, Ferrol, Pontedeume, Santa Comba, Teo e Vilagarcía de Arousa.
Os dous equipos que obteñan maior puntuación nas clasificatorias recibirán premios de 800 euros para o primeiro clasificado e 500 euros para o segundo, ademais de acadar o pase á final, prevista para o 25 de abril en Ames.
O Club de Debate Alingua constitúe un proxecto de dinamización lingüística orientado a fomentar o uso oral do galego entre a mocidade, ao tempo que promove a reflexión, o pensamento crítico e o intercambio de opinións. A iniciativa está dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato dos centros educativos dos concellos participantes, sumando nesta edición un total de 37 equipos.
O programa está impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. Toda a información sobre a actividade está dispoñible nas redes sociais oficiais do proxecto en Facebook, Instagram e YouTube.