Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DE NARÓN E A ASOCIACIÓN CFBT IMPULSAN UN PROGRAMA ANUAL DE FORMACIÓN EN INCENDIOS ESTRUTURAIS
O Concello de Narón, a través do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS), vén de asinar un convenio marco de colaboración coa Asociación CFBT – Compartment Fire Behaviour and Rescue Training España– para a posta en marcha dun programa anual de xornadas formativas especializadas no ámbito dos incendios estruturais.
Martes, 4 de marzo de 2026. O acordo foi asinado este martes pola alcaldesa, Marian Ferreiro, e polo presidente da asociación, Guillermo Varela Olmedo, coa presenza do edil de Seguridade Cidadá José Oreona e do xefe provisional do SPEIS Adrián Fraga. O programa permitirá desenvolver ao longo deste ano —e con posibilidade de prórroga— un calendario de sesións técnicas en formato presencial e en liña, centradas na actualización de coñecementos e na mellora da seguridade nas intervencións. O programa contempla un mínimo de 16 horas de formación continua anual, estruturadas en sesións que combinarán unha parte expositiva e outra participativa, fomentando o intercambio de experiencias entre profesionais de distintos servizos de emerxencias do Estado e tamén do exterior. A rexedora de Narón destacou que este convenio “reforza a aposta do Concello pola formación continua do persoal de emerxencias, un elemento clave para garantir intervencións cada vez máis seguras e eficaces”. Marian Ferreiro subliñou ademais que “a actualización constante de coñecementos nun eido tan complexo como o comportamento do lume en espazos confinados resulta fundamental para protexer tanto aos profesionais como á cidadanía”. Pola súa banda, Guillermo Varela puxo en valor a colaboración institucional e sinalou que “este acordo permite crear un espazo estable de aprendizaxe e intercambio técnico entre bombeiros, incorporando experiencias e avances que se están a aplicar noutras cidades e países”. O presidente da Asociación CFBT destacou tamén que “a formación especializada en fenómenos de rápido desenvolvemento como un incendio e na toma de decisións operativas é esencial para reducir riscos”. O calendario provisional de 2026 inclúe sesións sobre lectura do incendio, técnicas de aplicación de auga, ventilación e extracción de fume, instalacións hidráulicas, toma de decisións do mando, rescate e evacuación de vítimas, protocolos Mayday e xestión operativa. As xornadas contarán con relatores de distintos servizos de bombeiros do ámbito nacional e internacional. As sesións estarán dirixidas ao persoal do SPEIS de Narón, membros da asociación e outros profesionais das emerxencias, cun máximo de 60 participantes por xornada para garantir a calidade técnica e formativa. Ao remate do programa anual expedirase un certificado conxunto de asistencia e aproveitamento, asinado pola Alcaldía e pola Presidencia da asociación.

<<< Marzo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal