Mª LUZ PUMAR MURAS RECIBE A DISTINCIÓN DE MULLER DO ANO DE NARÓN 2026 NO ACTO INSTITUCIONAL POLO 8M
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este domingo xunto á concelleira de Igualdade, María Lorenzo, o acto institucional organizado polo Concello con motivo do Día Internacional da Muller, no que se nomeou oficialmente a María Luz Pumar Muras como Muller do Ano de Narón 2026.
A convocatoria desenvolveuse nas instalacións do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) e contou coa presenza de integrantes dos distintos grupos da corporación municipal, familiares e amizades da homenaxeada. Seguindo a tradición deste acto, o nome da Muller do Ano mantívose en secreto ata ese momento, polo que a homenaxeada acudiu á convocatoria sen saber do recoñecemento que ía recibir.
Durante a súa intervención, Ferreiro procedeu a revelar o nome da Muller do ano 2026 dando lectura ao acordo plenario polo que se aprobou por unanimidade outorgarlle a María Luz Pumar Muras esta distinción coa que o Concello recoñece cada ano a traxectoria persoal ou profesional de mulleres do municipio.
Neste 2026, o Consistorio quixo “poñer o foco no compromiso, nos valores e nas actitudes de loita pola vida e pola saúde en condicións de adversidade”, recoñecendo así a traxectoria de María Luz Pumar Muras, socia da asociación ALCER (Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril) desde hai máis de dúas décadas.
Na proposta da Alcaldía aprobada polo Pleno de Narón destacouse a súa resiliencia e exemplo vital, ao convivir coa enfermidade renal crónica desde a década de 1980 e afrontar tratamentos como a diálise ou o transplante cunha actitude positiva e unha gran fortaleza persoal. Tamén se salientou o seu compromiso coa comunidade, participando activamente durante anos en iniciativas de apoio mutuo e divulgación sobre saúde renal impulsadas por ALCER Coruña.
Así mesmo, púxose en valor a súa contribución á visibilización da saúde como dereito e do papel activo das mulleres, subliñando que a súa traxectoria representa a capacidade de transformar a adversidade en solidariedade e apoio ás demais persoas.
Tras anunciar o seu nomeamento, a alcaldesa felicitou a homenaxeada e convidouna a achegarse á mesa presidencial onde lle fixo entrega dun documento que recolle o acordo plenario, a escultura cunha placa conmemorativa que se concede por este recoñecemento, un ramo de flores e dous convites para participar na Cea das Mulleres organizada polo Concello que se celebra o próximo venres día 13 de marzo no Pazo Libunca.
Un dos momentos máis emotivos para Pumar Muras —Mariluz entre as persoas achegadas— vivíuse coa proxección dun vídeo que reuniu mensaxes de familiares e amizades que quixeron felicitala e poñer en valor a súa traxectoria. Nas súas intervencións destacaron especialmente a súa actitude vital positiva, o seu compromiso social e unha personalidade empática que fan dela unha referente.
Visiblemente emocionada durante todo o acto, apenas puido dedicar unhas palabras ao público. Nelas recoñeceu que a súa vida ten momentos de baixón e lembrou a ausencia dun ser querido e o aniversario de súa nai, antes de agradecer á súa familia e amizades esta sorpresa: “A pesar de que a vida é difícil sempre te apoias dos que te rodean que son que te fan sentir importante”.
No transcurso do acto, no que tamén actuaron músicas da Asociación Cultural Sementeira, realizouse así mesmo un recoñecemento á memoria de Eva María Veiga López, recentemente falecida e lembrada polo Concello como unha muller que tamén encarnaba os valores de compromiso e superación destacados nesta edición.
Para rematar o acto, Marián Ferreiro reiterou que se trata dun “recoñecemento moi merecido a unha veciña de Narón digna desta distinción” e desexou que “o día de hoxe quede sempre no teu recordo, ao igual que quedará marcado como parte importante da historia desta cidade”.