O CONCELLO LEMBRA RECOLLER AS PLACAS COA NOVA NUMERACIÓN DE VIVENDAS EN VARIAS PARROQUIAS
O Concello de Narón recorda á veciñanza das parroquias de San Xiao, Castro, San Mateo e O Val que aínda non recolleu os rótulos coas novas numeracións das súas vivendas que pode facelo nas dependencias municipais.
Os rótulos son gratuítos e inclúen o nome da rúa, o número da vivenda e un código QR que permite acceder a unha ficha con datos catastrais do inmoble. Para proceder á súa recollida, as persoas interesadas deberán achegarse á terceira planta do Concello en horario de 8:30 a 13:30 horas, levando consigo a dirección e a referencia catastral da vivenda.
Dende o goberno local insístese na importancia de dispoñer dunha numeración visible e correcta nos inmobles, co obxectivo de facilitar a intervención dos servizos de emerxencia en caso necesario, mellorar a localización para a entrega de correo postal e paquetería e contribuír a un rueiro máis ordenado en todo o termo municipal.
Así mesmo, recórdase que as persoas que teñan dúbidas sobre a dirección asignada á súa vivenda poden consultala introducindo a referencia catastral da mesma no visor público do Concello, a través do enlace: https://tinyurl.com/mpkbnrhc
O Concello anima á veciñanza que aínda non dispón destes rótulos a recollelos á maior brevidade posible para completar o proceso de actualización da numeración nas parroquias antes mencionadas.