NARÓN ABRE CANLES EN REDES PARA DIFUNDIR OS RECURSOS DO SEU PROGRAMA DE APOIO EDUCATIVO
O Concello de Narón vén de abrir novas canles nas redes sociais para dar a coñecer, dun xeito máis directo, os recursos e actividades do seu programa municipal de Apoio Educativo.
Venres, 27 de marzo de 2026. A partir de agora, familias, alumnado e comunidade educativa poden seguir toda a información actualizada a través das páxinas Apoio Educativo Narón en Facebook e Instagram.
Trátase dun programa pensado para acompañar á infancia e á adolescencia, así como ás súas familias, cun obxectivo claro: garantir a igualdade de oportunidades e favorecer un desenvolvemento integral, especialmente nos casos máis vulnerables.
A través destas novas plataformas iranse difundindo os distintos obradoiros e accións en marcha, tanto en horario escolar coma extraescolar. Entre eles, o de prevención de adiccións e uso responsable das novas tecnoloxías, que pon o foco nun consumo dixital máis seguro, equilibrado e consciente.
Tamén teñen un peso importante as actividades centradas na convivencia escolar e na prevención do acoso, coas que se busca reforzar valores como o respecto, a empatía e a resolución pacífica de conflitos nos centros educativos.
O programa complétase coas Escolas de Familias, espazos de encontro e formación nos que se ofrecen ferramentas prácticas para acompañar o crecemento e a educación dos fillos e fillas.
No ámbito da saúde, inclúense obradoiros sobre nutrición saudable e trastornos da conduta alimentaria, orientados a fomentar hábitos de vida equilibrados desde idades temperás.
Ademais, no eido social, “Sementando futuro” céntrase no reforzo educativo de menores en situación de exclusión, coa vista posta na súa inclusión tanto académica como social.
Pola súa banda, “Reforza TIC” aborda o desenvolvemento das competencias dixitais de nenos, nenas e adolescentes, incidindo nun uso responsable e seguro das tecnoloxías.
O Concello anima á veciñanza a seguir estas novas páxinas para estar ao día de todas as novidades, actividades e recursos dispoñibles:
Instagram: https://bit.ly/instagram_apoioeducativonaron /
Facebook: https://bit.ly/facebook_apoioeducativonaron.
Con este paso, o Concello de Narón dá un impulso máis á súa liña de traballo en educación e prevención, reforzando o apoio ás familias e contribuíndo a construír unha comunidade máis cohesionada e inclusiva.