O XXXV CERTAME INTERCENTROS REÚNE NO PAZO A PRETO DE 700 ESCOLARES DE NARÓN ARREDOR DA CREACIÓN EN GALEGO
O Pazo da Cultura acolleu este xoves unha nova edición do Certame Intercentros Concello de Narón, que neste 2026 alcanza xa a súa trixésimo quinta convocatoria consolidado como unha das citas educativas e culturais de referencia na cidade.
Xoves, 9 de abril de 2026. Preto de 700 alumnos e alumnas de Educación Infantil, Primaria e ESO participaron nunha xornada na que a lingua galega volveu ser o eixo vertebrador da creatividade do alumnado.
Un total de 35 cursos dos CEIP Ponte de Xuvia, Virxe do Mar, Piñeiros e A Gándara, do CPI O Feal, do CRA Narón e dos IES Terra de Trasancos e As Telleiras —centro encargado este ano da organización— subiron ao escenario para presentar as súas propostas en diferentes disciplinas artísticas. Poesía, canción, teatro e baile déronse a man nun programa variado no que non faltaron pezas con identidade propia e referencias ao contexto máis próximo.
Entre as creacións que se puideron ver ao longo da mañá figuran títulos como “Dez gatiños viaxeiros”, “Esperta o himno”, “Mosca chosca”, “Lingua proletaria do meu pobo” ou “Vida en Narón”, mostra da diversidade de enfoques e da implicación do alumnado á hora de traballar a lingua desde perspectivas lúdicas, reivindicativas e tamén vencelladas á realidade local.
O acto estivo conducido por integrantes da Escola de Teatro de Narón, que foron dando paso ás distintas actuacións e contribuíron a dinamizar unha cita que cada ano gaña en participación e calidade. Ao longo da xornada, sucedéronse as intervencións sobre o escenario nun ambiente marcado pola convivencia entre centros e o interese compartido pola cultura galega.
A entrega de premios celebrarase o próximo 18 de maio, coincidindo coas actividades do Día das Letras Galegas, tamén no Pazo da Cultura. Nesta edición repartiranse un total de 8.000 euros en galardóns.
O certame mantén así o seu obxectivo de promover o uso do galego entre as novas xeracións, ao tempo que fomenta a expresión artística e o traballo colectivo, converténdose nun espazo de encontro para a comunidade educativa de Narón.