AVANZAN AS OBRAS PARA RENOVAR BEIRARRÚAS E CRUCES EN XUVIA E MELLORAR A ACCESIBILIDADE
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, supervisaron esta mañá o avance dos traballos de mellora da accesibilidade na contorna da Praza do Concello de Xuvia, unha actuación que busca adaptar este ámbito urbano ás necesidades actuais de mobilidade peonil.
Mércores, 22 de abril de 2026. A intervención responde á necesidade de renovar e adaptar os accesos ás beirarrúas dos viais que rodean o antigo consistorio, pavimentados hai arredor de quince anos. O paso do tempo, xunto cos cambios nos sentidos de circulación e as limitacións físicas do espazo —anchos reducidos e desniveis— fan necesaria unha actuación que mellore a accesibilidade, especialmente para persoas con mobilidade reducida.
As obras céntranse principalmente en dous treitos das rúas Xoán XXIII e Foro, así como nos accesos directos á praza. En concreto, estanse a reformar doce esquinas de cruces para facilitar os itinerarios peonís accesibles, ademais de actuar sobre dúas beirarrúas lineais que suman máis de 400 metros cadrados. Tamén se inclúe a pavimentación de dous cruces na rúa Foro, cunha superficie próxima aos 300 metros cadrados.
O proxecto contempla a creación dun itinerario continuo e accesible en toda a contorna, mellorando a conexión entre os distintos puntos da zona e eliminando barreiras arquitectónicas. O investimento total ascende a algo máis de 63.500 euros, financiados a través do plan provincial.
O prazo de execución das obras é de tres meses, polo que se prevé que a actuación poida quedar rematada este verán se os traballos avanzan segundo o previsto.
Durante a visita, a rexedora e o edil responsable das obras puideron comprobar o estado e a evolución dos traballos, que buscan mellorar a seguridade e a accesibilidade nun dos puntos neurálxicos do barrio de Xuvia.