O Concello de Narón acolleu este martes a presentación da programación da romaría da Virxe da O, que se celebrará o domingo 10 de maio na parroquia de Pedroso.
Martes, 28 de abril de 2026. No acto participaron os catro membros da comisión organizadora, acompañados pola concelleira de Festas, Mar Gómez, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla.
A programación inclúe a celebración dunha andaina enmarcada no programa municipal “Ponte en ruta con nós!”, con saída ás 9.30 horas desde o local social A Pombiña en dirección ao mosteiro do Couto. Desde este enclave, ás 11.00 horas, iniciarase o percorrido tradicional da romaría polas inmediacións do río Xuvia ata a capela da Virxe da O, cun itinerario de 11 quilómetros e dificultade media. O prazo de inscrición para participar permanecerá aberto entre os días 4 e 6 de maio nas oficinas do Padroado de Deportes.
Ao longo da xornada festiva oficiaranse varias misas e celebrarase o tradicional xantar popular nas inmediacións da capela. Este ano serviranse racións de polbo e churrasco a un prezo de 15 euros. Os tíckets poden adquirirse ata o 6 de maio no local social A Pombiña.
No apartado musical, a xornada contará con diferentes actuacións ao longo do día, entre elas a da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura.