O CONCELLO DE NARÓN ABRE INSCRICIÓNS PARA UN NOVO CURSO GRATUÍTO DE PREPARACIÓN E COCIÑADO DE PEIXE
A formación no sector pesqueiro suma unha nova oportunidade en Narón coa posta en marcha dun novo curso de “Preparación e cociñado de peixe”, financiado con Fondos Europeos e a colaboración da Consellería do Mar.
Mércores, 29 de abril de 2026. A acción formativa, de carácter gratuíto, está orientada a persoas desempregadas e busca mellorar a cualificación profesional nun ámbito con saída laboral na comarca.
A formación desenvolverase entre o 14 de maio e o 10 de setembro de 2026, cun total de 415 horas —400 lectivas e 15 de módulos transversais— e combinará contidos teóricos, prácticos e prácticas profesionais non laborais en empresas do sector.
O curso impartirase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e nas instalacións das empresas colaboradoras. Durante a fase inicial, o alumnado asistirá en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres, mentres que o período de prácticas adaptarase ás dinámicas das empresas.
O programa inclúe formación en hixiene alimentaria e prevención de riscos laborais, así como coñecementos específicos sobre identificación, conservación e tratamento de peixes e mariscos. Ademais, abordaranse técnicas de fileteado, desespiñado e elaboración culinaria, xunto con nocións de xestión empresarial no ámbito do produto mariño. A maiores, incorporaranse módulos de orientación laboral, emprendemento, igualdade, sustentabilidade e novas tecnoloxías aplicadas á profesión.
O curso oferta 15 prazas, das que un 20% estarán reservadas a persoas derivadas do Servizo Sociocomunitario. Poderán participar persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, aínda que tamén se admitirán solicitudes doutros concellos no caso de quedar vacantes.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 7 de maio, podendo formalizarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica ou polos medios establecidos na normativa vixente. A selección do alumnado realizarase por rigorosa orde de inscrición.
Desde o Concello subliñan que esta iniciativa busca reforzar a capacitación profesional nun sector con demanda de man de obra cualificada, ao tempo que se promove a inserción laboral e o desenvolvemento económico local.
As persoas interesadas poden obter máis información na web municipal ou a través do Servizo Sociocomunitario, no teléfono 981 33 77 00 (extensións 1108 e 1109).