O CONCELLO DE NARÓN COLABORA NUN CURSO DE CRÍA DE ABELLAS PARA FACER FRONTE Á CRISE DAS COLMEAS
O Concello de Narón, a través da Concellería de Medio Ambiente, colabora coa Delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (DAGA) na organización dun curso completo de reproducción apícola con acceso gratuíto para a veciñanza do municipio.
Venres, 15 de maio de 2026. A iniciativa xorde como resposta á elevada mortalidade de colmeas rexistrada durante o inverno pasado, agravada pola presión da vespa velutina, que este ano xa iniciou a súa actividade depredadora sobre as albarizas desde o mes de abril. Ante esta situación, desde a organización recomendan que os novos núcleos se reforzen con raíñas adquiridas e xa fecundadas.
O curso teórico-práctico, de 14 horas de duración (6 de teoría e 8 de prácticas), principiará o domingo 24 de maio cunha sesión teórica de 10:00 a 13:00 horas no local social de DAGA en Sedes. As restantes sesións teóricas celebraranse en mañás de sábado ou domingo, e as prácticas fixaranse en función das condicións meteorolóxicas.
O programa inclúe contidos sobre fundamentos biolóxicos da reproducción das abellas, selección xenética de colmeas nai, técnicas de cría de raíñas —incluíndo o método Miller, o traslarve e o uso de iniciadoras e finalizadoras—, así como a xestión de núcleos e a introdución de raíñas fecundadas.
A formación estará a cargo do equipo técnico de DAGA, con unha das sesións prácticas impartida por un criador profesional.
A participación é gratuíta para os socios de AGA e para a veciñanza de Narón. As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico dagaferrol@hotmail.com.