Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A XIX CONCENTRACIÓN MOTEIRA REUNIRÁ CENTOS DE AFECCIONADOS EN NARÓN A PRIMEIRA FIN DE SEMANA DE XUÑO
O Moto Club Fojeteiros de Narón celebra unha nova edición da súa emblemática Concentración Moteira, que este ano chega á súa décimo novena entrega.
Martes, 26 de maio de 2026. O evento, enmarcado nas XIV Xornadas de Turismo Activo, conta un ano máis coa colaboración do Concello de Narón a través do Padroado de Deportes e converterá a cidade en punto de encontro para centos de afeccionados ás dúas rodas procedentes de toda Galicia e doutras partes do Estado durante a fin de semana do 5, 6 e 7 de xuño de 2026. O Paseo marítimo de Xuvia acolleu a presentación desta cita, convertida xa nun clásico do calendario naronés, coa presenza da alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla xunto a unha nutrida representación do Moto Club Fojeteiros. A proposta dará comezo o venres 5 de xuño ás 18:00 horas co acto inaugural e a apertura de inscricións, ao que seguirá a apertura do mercadiño moteiro e cea na carpa habilitada para o evento. O peche da xornada chegará da man do concerto do grupo ASSIA e da actuación do DJ Brunokavi. A xornada do sábado 6 de maio, a máis intensa do programa, comezará ás 09:00 horas co almorzo moteiro, seguido ás 10:00 horas da apertura de inscricións, o mercadiño e a popular Ruta mototurística libre pola comarca. O mediodía virá acompañado do xantar na carpa e da animación da charanga Mekánika Rolling Band. Pola tarde, o Paseo de Xuvia acollerá un espectacular Spartan Bike Show, unha Exhibición de Trial con Víctor Palomares e co campión do mundo na categoría Junior Biketrial Ferrán Gonzalo. Trala cea na carpa, o sábado reserverá un dos momentos máis agardados de cada edición coa entrega de trofeos e o tradicional Desfile Libre dos Fachos. A noite pechará co grupo América e a sesión de DJ Juanky. Para despedir o evento, o domingo está prevista unha última ruta turística matinal, seguida dunha sesión vermú e da comida de clausura na carpa onde se celebrará o clásico sorteo de agasallos entre as persoas participantes. As preinscricións poden realizarse ata o 27 de maio de 2026 (límite de 500 persoas) a través da web motoclubfojeteiros.com ou por correo electrónico a inscripcionesfojeteiros@gmail.com.

<<< Maio 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal