NARÓN INICIA ESTE VENRES COA ANDAINA SOLSTICIAL UNHA NOVA EDICIÓN DAS LENDAS DA PENA MOLEXA
Narón celebra os días 12 e 20 de xuño a Recreación das Lendas da Pena Molexa, con andaina solsticial, concerto de Xurxo Fernandes e representación teatral da Lenda da Fada a cargo da Escola de Teatro de Narón, entre outras actividades.
Mércores 10 de xuño de 2026. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e a presidenta da AVV Os Irmandiños do Val, Manoli Castro, presentaron este mércores os actos que se desenvolverán os días 12 e 20 de xuño con motivo da Recreación das Lendas da Pena Molexa.
A programación dará comezo este venres coa tradicional andaina solsticial, aberta á participación cidadá. Como de costume, a ruta partirá ás 22:30 horas do convento de Baltar con chegada á Pena Molexa e os camiñantes levarán fachos para alumear o percorrido.
Na xornada do día 20 levaranse a cabo os actos centrais da Pena Molexa. Ás 18:00 horas darán comezo os xogos populares tradicionais e ás 20:00 horas poderase degustar unha churrascada popular e bocatas Molexos preparados para a ocasión, adquirindo os tickets ese mesmo día na zona do evento.
Ás 22:00 horas subirá ao escenario Xurxo Fernandes co seu traballo "Levaino!" nun concerto que precederá á representación da Lenda da Fada da Pena Molexa, que principiará á medianoite e correrá a cargo do alumnado da Escola de Teatro de Narón. A peza recrea a historia dunha moura que pola noite se converteu en rocha coincidindo co solsticio de verán. O peche chegará ás 00:30 horas co Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón.
O Concello organiza a convocatoria a través do Padroado da Cultura, en colaboración coa AVV "Os Irmandiños" e a Agadic. Dende a asociación animan á veciñanza a participar neste evento que permite manter vivas as tradicións e lendas do territorio, á vez que ofrece música e gastronomía para persoas de todas as idades nunha contorna natural incomparable como son as inmediacións da Pena Molexa.
Pola súa banda, Ferreiro destacou o traballo que realiza a entidade veciñal do Val para manter no tempo esta celebración, na que se implica a veciñanza desta parroquia da cidade, e recalcou a importancia de apostar por actividades coma esta cun marcado carácter cultural.