O CONCELLO DE NARÓN XEOLOCALIZA AS 547 FOGUEIRAS COMUNICADAS PARA SAN XOÁN E SAN PEDRO
Dende o Goberno local insístese na importancia de respectar todas as medidas de seguridade e pídese máxima precaución ante as altas temperaturas previstas.
Luns, 22 de xuño de 2026. O Concello de Narón recibiu un total de 547 comunicacións para realizar lumieiras nas noites de San Xoán e San Pedro. Da cifra total, 542 corresponden a fogueiras en espazos privados e 5 a espazos públicos, repartidas entre as dúas noites: 544 para San Xoán e 489 para San Pedro.
Como cada ano, dende o departamento municipal de Estatística xeolocalizáronse todas as comunicacións co fin de que os servizos de emerxencias poidan dispoñer da información precisa e inmediata de cada unha delas. A finalidade é que os citados servizos poidan acceder a eses datos coa maior axilidade e precisión posible no caso de que fose necesario acudir ante posibles incidencias.
O visor permite acceder ao punto exacto da fogueira introducindo calquera destes datos: ubicación da parcela (rúa, referencia catastral), nome e apelidos ou teléfono da persoa responsable.
Dende o Concello emitiuse un bando asinado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, no que se informa que tanto en San Xoán como en San Pedro se poderán acender a partir das 20:00 horas e deberán extinguirse antes das 3:00 horas, debendo deixar a zona limpa de calquera residuo e o lume completamente extinguido. Así mesmo, incídese en que non poderán superar os cinco metros de altura e os tres de diámetro e no feito de que deben estar afastadas un mínimo de 30 metros das vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas vexetais, entre outros requisitos, para garantir a seguridade.
Ante as elevadas temperaturas previstas para San Xoán, dende o Concello insístese na importancia de reforzar as precaucións habituais: vixiar en todo momento as fogueiras, dispoñer de auga ou outros medios de extinción a man e evitar acender en condicións de forte vento. Pídese tamén máxima prudencia para non agravar o risco de incendio nas zonas próximas a vexetación.
Ante calquera posible incidencia deberase chamar o antes posible ao servizo de Emerxencias 112.