Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA DE NARÓN ENTREGA OS DIPLOMAS DE DOUS CURSOS DO PROGRAMA MUNICIPAL DE FORMACIÓN
Marián Ferreiro e a concelleira Natalia Hermida recoñecen a preto de 40 persoas formadas en prevención de riscos laborais e manexo de maquinaria elevadora.
Martes, 30 de xuño de 2026. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Formación, Natalia Hermida, entregaron este martes xunto ao coordinador do centro Irmás Froilaz, Ángel Martínez, os diplomas correspondentes a dúas accións formativas "transversais" enmarcadas no Programa municipal de Formación, correspondentes aos primeiros cursos executados este ano dentro desta iniciativa. A primeira das formacións recoñecidas é o itinerario completo de Prevención de Riscos Laborais, un curso homologado de 92 horas que incluíu 60 horas de PRL xeral con módulos específicos de 8 horas cada un en PRL no sector naval, Medio Ambiente no sector naval, PRL en traballos en altura e PRL en espazos confinados. O curso, que contaba con 20 prazas, desenvolveuse entre o 7 de abril e o 5 de maio. Finalizárono con dereito a diploma un total de 19 persoas, 9 mulleres e 10 homes, aos que se lles fixo entrega de catro diplomas diferenciados por cada un dos bloques formativos. A segunda formación recoñecida correspóndese coas dúas edicións do curso de Operador/a de carretillas elevadoras e plataformas elevadoras-PEMP, con certificación UNE. A primeira edición desenvolveuse do 11 ao 26 de maio e a segunda do 27 de maio ao 10 de xuño, con 10 prazas cada unha. O alumnado, formado por 9 mulleres e 11 homes, recibiu un diploma propio de AENOR de 20 horas en carretillas elevadoras, outro de AENOR de 15 horas en plataformas elevadoras, e un terceiro diploma conxunto do Concello de Narón de 50 horas, ata completar os 20 diplomas. Durante o acto, a alcaldesa, Marián Ferreiro, puido comprobar o alto nivel de satisfacción xeral cos cursos por parte do alumnado e destacou que "estas formacións responden a unha demanda real do noso tecido produtivo e permiten que a veciñanza de Narón acceda a unha cualificación que mellora directamente as súas oportunidades de emprego". Pola súa banda, a concelleira de Formación, Natalia Hermida, salientou que "a boa acollida destas formacións confirma que imos polo bo camino con esta aposta municipal” e avanzou que este ano impartiranse en Narón un total de 18 cursos con 255 prazas dispoñibles.

<<< Xuño 2026 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal