Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN RETOMA A SÚA CITA CO FROITO DA HORTA MÁIS FAMOSO DA COMARCA NA XXVI FESTA DO PEMENTO DO COUTO
A nova edición desta festa gastronómica celebrarase o domingo 19 de xullo con demostración culinaria en directo, pregón, xantar popular e baile.
Xoves, 2 de xullo de 2026. O Couto prepárase para vivir un ano máis a súa festa máis agardada. O Concello, xunto coa Asociación de Veciños do Couto e coa colaboración da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e Agroflor, presentou este xoves a XXVI Festa Gastronómica do Pemento do Couto, que terá lugar o domingo 19 de xullo. No acto estiveron presentes a edil de Festas, Mar Gómez, xunto co presidente da AVV do Couto, Ramón Couto, e Fran Pico, en representación da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. A cita volve poñer en valor o Pemento do Couto, un produto recoñecido coa Indicación Xeográfica Protexida dende 2010, e chega este ano cunha novidade no programa. Ás 12:00 horas, antes do inicio oficial da xornada, haberá unha demostración culinaria con degustación a cargo da chef Cris Tizón. Ás 13:00 horas tomará a palabra a persoa encargada este ano de dar o pregón, o xornalista e escritor Ramón Loureiro, nun acto que xa é toda unha tradición desta festa. O groso da xornada chegará coa hora do xantar. A partir das 14:00 horas, na carballeira do Couto, serviranse racións de churrasco con pementos do Couto e cachelos, completadas con pan, auga, viño e café ao tizón, todo a prezos populares. Os tíckets poden recollerse no centro cívico social do Couto en horario de 18:00 a 22:00 horas, ou ben chamando ao teléfono 981 390 778. A festa continuará pola tarde con xogos populares, que ás 16:30 horas compartirán protagonismo cos Cantos de Taberna do grupo A Xesteira de Narón. O peche chegará ás 17:30 horas co baile, que este ano amenizará Jorge Latino. Mar Gómez destacou durante a presentación o arraigamento desta cita no calendario festivo do municipio: "O Pemento do Couto é xa unha seña de identidade de Narón, e cada ano demostramos que se pode seguir medrando sen perder a esencia que fai especial esta festa". A edil tamén puxo en valor o traballo conxunto entre o Concello, a veciñanza e os colectivos implicados, e animou a achegarse ao Couto para "gozar dunha xornada festiva arredor dun produto do que sentimos moito orgullo".
Descarga de archivos
Tamaño:489,60 KB

<<< Xullo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal