Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN REÚNE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL DE SEIS AGRUPACIÓNS NO XXXV FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE
Grupos de Asturias, a Comunidade Valenciana, Serbia e México uniranse ás formacións do Padroado de Cultura o sábado 18 de xullo no Parque do Río Freixeiro.
Mércores, 8 de xullo de 2026. O parque do río Freixeiro acolle o sábado 18 de xullo a trixésimo quinta edición do Festival internacional de Folclore organizado polo Padroado de Cultura do Concello de Narón. Na presentación do evento estiveron presentes a alcaldesa e presidenta do Padroado, Marián Ferreiro, e Gustavo del Río, xefe do negociado de Cultura de Narón, que avanzaron o contido desta cita que reunirá seis agrupacións procedentes de Galicia, Asturias, a Comunidade Valenciana, Serbia e México. A xornada dará comezo ás 12:00 horas coa recepción no Concello, onde a alcaldesa daralles a benvida a todos os grupos participantes, representados por unha parella de bailaríns máis a persoa responsable de cada formación. Xa pola noite, ás 20:00 horas, terá lugar un pasarrúas dende o Pazo da Cultura ata o Parque do Río Freixeiro, onde ás 21:00 horas principiará o festival. "Un ano máis, Narón convértese en punto de encontro de culturas e tradicións de todo o mundo, e o noso compromiso segue a ser o de coidar e difundir o folclore galego a través do traballo do Padroado de Cultura e poñelo en relación co resto do mundo", sinalou a rexedora. A Banda de Gaitas e o Grupo de Música e Baile Tradicional Alxibeira, ambos pertencentes ao Padroado de Cultura, serán un ano máis as anfitrioas deste evento. Creado a finais de 1986 para revalorizar o folclore e os costumes de Galicia, o Grupo Alxibeira conta cun repertorio de bailes, músicas e cantigas recuperadas da tradición popular. No ano 1982 o Padroado puxo en marcha a Escola Municipal de Gaita para salvagardar e difundir a música galega tradicional, e en 1987 a Banda de Gaitas de Narón iniciou a súa actividade, ata estar integrada por preto de corenta e cinco intérpretes de diferentes idades. Dende Asturias chegará o Grupo Folclórico A Alegría de Porceyo (Xixón), unha formación con máis de cincuenta anos de traxectoria dedicada á interpretación dos bailes tradicionais asturianos. Fundado en 1972 por iniciativa da veciñanza do lugar, o grupo, que conta na actualidade con preto de trinta membros de diferentes idades, levou o folclore do Principado a numerosos festivais de España, Francia e Portugal. Da provincia de Alacante recalará o Grupo de Danzas de Villena, unha das agrupacións máis veteranas do panorama folclórico español. Fundado en 1956 no seo da Sección Feminina e convertido despois en formación mixta, conta hoxe con preto de cincuenta compoñentes entre corpo de baile, coro e rondalla. O seu repertorio recolle danzas da comarca do Alto Vinalopó e da provincia de Alacante, e a súa traxectoria inclúe actuacións en varios países e xiras por Europa. Procedente de Serbia visitará Narón o Conxunto de Danza e Canto Folclórico Šumadija, de Barajevo, un municipio da área de Belgrado. A formación, que este ano celebra máis de dúas décadas de existencia, ten como obxectivo preservar e difundir os bailes, cantos e indumentaria tradicionais das distintas rexións serbias. Pechará o cartel internacional o Grupo Folclórico Estampas de México, que amosará en Narón a riqueza dos bailes e tradicións populares mexicanas, herdeiras da mestura de raíces indíxenas e hispánicas que caracteriza o folclore do país norteamericano.
Descarga de archivos
Tamaño:275,89 KB

<<< Xullo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal