Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA DE NARÓN PARTICIPA NA OFRENDA FLORAL ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO NA COMARCA XUNTO A DOLORES DELGADO
Marián Ferreiro e o edil de Terra Galega, Pablo Mauriz, asistiron ao acto celebrado en Canido con motivo da visita a Ferrol da fiscal de sala en materia de Dereitos Humanos e Memoria Democrática da Fiscalía Xeral do Estado.
Martes, 21 de xullo de 2026. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Terra Galega, Pablo Mauriz, participaron este martes na ofrenda floral celebrada no Memorial ás Vítimas do Franquismo de Canido, en Ferrol, no marco da visita á cidade da fiscal de sala de Dereitos Humanos e Memoria Democrática da Fiscalía Xeral do Estado, Dolores Delgado García. O acto, que tivo lugar ás 13.00 horas ante o monumento “Pétalos do Pasado”, reuniu tamén á fiscal superior de Galicia, Carmen Eiró; aos fiscais provinciais da Coruña e Ourense, Encarnación Mayán e Carlos Fabregat; ao fiscal xefe de Ferrol, Daniel Jove; así como outros responsables do Ministerio Fiscal. Delgado estivo acompañada polos fiscais adscritos á súa sala, Virginia García Aller e Eduardo Navarro Domínguez. Durante o acto, a fiscal quixo lembrar que as vítimas "do pasado e do presente" seguen sendo vítimas "mentres non haxa un corpo, unha investigación". Para a fiscal, “este espazo é un espazo de dereitos humanos, porque a memoria é a expresión dos dereitos humanos, o principio básico da nosa Constitución", e defendeu que as vítimas "teñen dereito a unha investigación e a unha xustiza", engadindo que os fiscais "estamos obrigados a buscar esa verdade xudicial". Delgado foi contundente ao afirmar que "non se pode ser equidistante: hai que ser militantes da memoria democrática". Coa súa presenza, Ferreiro e Mauriz reafirmaron o compromiso do Goberno local de Narón coa memoria democrática e o dereito das vítimas a obter xustiza e reparación. Tamén coa memoria, vital para construír un futuro máis xusto e respectuoso cos dereitos humanos. A ofrenda floral formou parte dunha xornada organizada pola Asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol, que inclúe unha conferencia de Delgado baixo o título “O dereito das vítimas da ditadura e as súas familias a obter a reparación xudicial”. O monumento “Pétalos do Pasado”, obra do artista Manuel Patinha, recolle os nomes de 904 vítimas mortais do franquismo nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e forma parte dun itinerario que se estende a varios concellos da contorna incluído Narón.

<<< Xullo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal