Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PAZO DA CULTURA ABRE O ÚLTIMO CUATRIMESTRE CON AITANA SÁNCHEZ-GIJÓN, MARÍA GALIANA E PEPÓN NIETO COMO CABEZAS DE CARTEL
A programación de setembro a decembro inclúe teatro, música, danza e circo, con tres estreas absolutas e propostas para todos os públicos, xa á venda na web do Padroado da Cultura de Narón
Narón, 23 de xullo de 2026. O Padroado da Cultura do Concello de Narón vén de presentar a súa programación de outono e inverno para o Pazo da Cultura, un cuatrimestre que reúne dezaoito propostas entre setembro e decembro cun fío condutor claro: a diversidade de linguaxes escénicas e a convivencia entre grandes nomes e talento emerxente. As entradas xa están á venda a través da web do Padroado da Cultura (www.padroadodecultura.es). Na presentación da programación, a alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, destacou o esforzo por ofrecer "unha proposta variada e de calidade, que conxuga grandes nomes coa aposta decidida polo talento local e polas compañías galegas emerxentes". Ferreiro subliñou ademais que, con esta oferta, o Pazo da Cultura "consolídase coma un referente cultural na comarca, aberto a todos os públicos e a todas as linguaxes escénicas". O cartel destaca por tres nomes propios do panorama interpretativo estatal. Aitana Sánchez-Gijón encabeza o reparto de “Malquerida”, produción que os días 16 e 17 de outubro traslada ao escenario a traxedia dunha herdanza envelenada polos celos e os desexos ocultos. Pola súa banda, a actriz María Galiana forma parte do elenco de “Yo solo quiero irme a Francia”, que o 13 de novembro afonda nos legados emocionais que se transmiten en silencio dunha xeración a outra. Ademais, Pepón Nieto protagoniza o 21 de novembro “La pasión infinita”, unha traxicomedia sobre a paixón inquebrantable dun home sen o menor talento para actuar. Tres estreas e o pulso do teatro galego O cuatrimestre tamén é escaparate do momento actual da escena galega, con compañías consolidadas e outras máis novas compartindo cartel. Morraoconto abre a tempada o 26 de setembro con “Tromsø”, unha reflexión sobre a perda recoñecida cos Premios María Casares a Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación. Talía Teatro achega o 3 de outubro “Artur Ui, o ovo da serpe”, a súa lectura do clásico de Bertold Brecht sobre os mecanismos do autoritarismo, dirixida por Quico Cadaval. A programación recolle tamén tres estreas absolutas. Empatía Teatro estrea o 6 e 7 de novembro “Curie, ou a simetría dos fenómenos físicos”, un biopic poético sobre a vida da pioneira da radioactividade María Sklodowska-Curie escrito e dirixido por Santiago Cortegoso. A compañía de Narón Teatro Ghazafelhos presenta o 29 de novembro “Panxea”, unha peza familiar sobre a convivencia e o coidado mutuo. Ademais, Caramuxo Teatro pecha a triloxía iniciada con “Redondo” e “Catro” coa estrea de “Formas”, o 15 de novembro, unha proposta pensada para a primeira infancia, dende os tres meses. Música, danza e circo internacional O apartado musical inclúe a presentación en Narón do novo disco de Fillas de Cassandra, “Tertúlia”, o 31 de outubro, un dos proxectos galegos con maior proxección na actualidade. Tamén pasarán polo Pazo Juan Deive, coa presentación de “Invierno Rubí” (12 de setembro), a xira de tributo “Simply the Best”, dedicada a Tina Turner (22 de novembro), a homenaxe sinfónica de De Vacas polo seu décimo aniversario (28 de novembro), o New Orleans Gospel Choir con “Mardi Jass Party” (16 de decembro) e o peche do ano co pianista cubano Iván "Melón" Lewis e The Cuban Swing Express (19 de decembro). A danza e o circo contemporáneo terán tamén o seu espazo con “Anónimos”, da compañía Rauxa, premiada na Fira de Títelles de Lleida, e “Compaña”, de Xampatito Pato, que fusiona circo e marionetas para o público familiar. A compañía arxentina Criolla chega o 24 de outubro con “Sueño”, a súa particular versión de “Soño dunha noite de verán” de Shakespeare, gañadora do Certame Internacional Barroco Infantil do Festival de Almagro. Outras propostas destacadas son “Memorias dun neno labrego”, de Contraproducións, baseada na novela de Xosé Neira Vilas, os tributos musicais a “The New Experience Revolution Tour”, de ABBA, e o clásico “El Cascanueces”, de Classic Stage. Toda a información sobre as entradas, horarios, prezos e condicións de acceso está dispoñible na web do Padroado da Cultura e nas redes sociais do Pazo da Cultura.
Descarga de archivos
Tamaño:11,63 MB

<<< Xullo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal