Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
PRETO DE 400 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NO "TRISHARK NARÓN" 2026
Narón converterase esta fin de semana na capital do tríatlon coa celebración do Trishark Narón 2026
Narón, 27 de xullo de 2026. O Concello de Narón presentou unha nova edición do Trishark Narón 2026, unha cita xa consolidada no calendario do tríatlon galego e nacional que reunirá durante esta fin de semana ao redor de 400 deportistas entre as diferentes competicións programadas. O evento, organizado polo Concello de Narón xunto coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón, e coa colaboración da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri), desenvolverase na contorna do paseo marítimo de Xuvia cun programa dirixido tanto ao deporte de alto nivel como á promoción deportiva e á participación popular. A programación comezará o venres coa celebración do Campionato Xunta de Galicia de Acuatlón para categorías menores, unha competición que nesta edición reunirá preto de 200 participantes das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e júnior. O acuatlón combina as disciplinas de natación e carreira a pé, adaptando as distancias á idade das persoas participantes, e está aberto tanto a deportistas federados como non federados. As inscricións e toda a información da proba poden consultarse na páxina web da Federación Galega de Tríatlon. Xa na tarde do sábado, o Trishark abrirase aos máis pequenos cunha carreira de promoción gratuíta, destinada a nenas e nenos nacidos entre os anos 2016 e 2024, unha actividade pensada para fomentar a práctica deportiva e achegar o tríatlon ás novas xeracións. A organización mantén aberto o prazo de inscrición para esta proba, proba que está avalada pola fundación The Phoenix Kids by Javi Gómez. A continuación disputarase a competición principal da fin de semana, que volverá reunir preto de 200 triatletas procedentes de Galicia e doutras comunidades autónomas. O programa incluirá unha proba popular de distancia sprint, aberta tamén a deportistas non federados, e como principal novidade desta edición celebrarase unha proba de remudas, na que cada integrante do equipo realizará unha das disciplinas do tríatlon. Ata o momento está confirmada a presenza dos principais clubs galegos e tamén de equipos chegados de diferentes puntos de España, entre eles o CT Bahía de Málaga, Tritones de La Rioja, Triatlón Ciclista Oscense, CD GaloSport (Almería), Bierzo Triman, Marlins de Madrid, Triatlón Guadiato (Córdoba); CT Laguna de Duero (Valladolid) e Triatlón Tetuán de Madrid, o que evidencia o crecente prestixio que o Trishark Narón foi adquirindo nos últimos anos. No apartado individual destaca a participación de dous dos grandes referentes nacionais da media distancia, Nacho Gálvez, do Delikia, e Xandre Álvarez, do Club Triatlón Ourense, actual campión e subcampión de España de media distancia, respectivamente. Na representación local competirán tamén as naronesas Sara Guerrero, María Alzaga e Irene Redondo, chamadas a ser algunhas das protagonistas da competición. Desde o Concello, o edil de Deportes, Ibán Santalla, destacou que o Trishark Narón continúa medrando edición tras edición, combinando competición do máis alto nivel coa promoción do deporte base e coa participación popular. O evento supón, ademais, un importante impacto para a cidade, atraendo centos de deportistas, acompañantes e visitantes durante toda a fin de semana.
Descarga de archivos
Tamaño:65,55 KB

<<< Xullo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal