O CONCELLO DE NARÓN DIFUNDE AS RECOMENDACIÓNS DE SEGURIDADE DO SERVIZO DE PREVENCIÓN DE CARA Á ECLIPSE DO 12 DE AGOSTO
Lentes certificadas, precaución nas estradas e distancia dos cantís, entre as principais pautas para esta xornada histórica. A comarca será unha das primeiras zonas de España en ver a totalidade dun fenómeno que non se produce na Península Ibérica desde hai máis dun século.
Luns, 10 de agosto de 2026. O Servizo de Prevención do Concello de Narón fai un chamamento á cidadanía para observar con seguridade a eclipse solar total do vindeiro mércores 12 de agosto, un fenómeno astronómico que non tiña lugar na Península Ibérica desde hai máis dun século e que sitúa a Galicia, e en particular a Terra de Trasancos, entre os primeiros puntos de España en asistir á totalidade.
A eclipse dará comezo na súa fase parcial arredor das 19:30 horas, e a totalidade —o momento no que a Lúa cobre por completo o disco solar— terá lugar cara ás 20:27 horas, cun máximo previsto sobre as 20:28, e unha duración duns 88 segundos.
O fenómeno rematará arredor das 21:21 horas, cando o sol xa estará moi baixo sobre o horizonte, a só 12 graos de altura en dirección oeste, polo que a observación esixirá un horizonte despexado cara a esa zona.
Ante a previsible afluencia de veciñanza e visitantes que se agarda na comarca para presenciar o evento, o Servizo de Prevención do Concello de Narón lembra as seguintes recomendacións:
Protección ocular en todo momento.
Hai que usar sempre lentes de eclipse certificadas. As gafas de sol convencionais, as radiografías, os cristais afumados ou os filtros caseiros non serven e poden causar danos oculares graves e permanentes. Mirar o Sol parcialmente eclipsado sen protección queima a retina sen que a persoa o note, xa que este tecido carece de receptores de dor.
Antes de usar as lentes, cómpre revisalas para descartar calquera par que presente riscos, buracos ou roturas, e mercalas sempre en establecementos ou distribuidores de confianza, pois no mercado circulan moitas falsificacións que non cumpren coa normativa.
Recoméndase tamén prestar atención especial aos menores, vixiando que non quiten as lentes durante as fases parciais e explicándolles con antelación o motivo desta precaución.
Prudencia nas estradas.
Dado que se espera unha afluencia inusual de xente —incluídos visitantes de fóra da comarca— e posibles retencións nas vías de acceso a miradoiros e zonas costeiras nas horas previas á eclipse, recoméndase saír con moita antelación e chegar ao lugar de observación mentres aínda hai luz de día, para recoñecer o terreo con claridade.
En ningún caso se debe deter o vehículo na estrada ou no arcén para observar o fenómeno, unha das causas máis frecuentes de accidentes durante este tipo de eventos.
Precaución nos cantís e na costa.
A procura dun horizonte despexado cara ao oeste-noroeste levará moita xente aos acantilados da zona. O Servizo de Prevención insiste en manter as distancias de seguridade respecto ao bordo, sobre todo durante a totalidade, cando a escuridade repentina e a emoción do momento poden favorecer un tropezo. Non se debe achegar ao bordo para "ver mellor".
Para quen se desprace a zonas de costa, monte ou campo, recoméndase levar calzado pechado e con boa suxeición, evitando chanclas ou sandalias en terreos escarpados.
Máxima precaución fronte ao lume.
A semana da eclipse coincide, ademais, cunha das de maior frecuencia de incendios forestais de todo o ano. Está terminantemente prohibido acender lume no monte. Non se debe estacionar sobre vexetación seca, hai que deixar libres en todo momento os accesos para os servizos de emerxencia, e non se pode tirar cabichas nin abandonar envases de vidro, que en contacto co sol poden actuar como lupa. Convén tamén consultar o nivel de perigo de incendios na zona antes de escoller o punto de observación.
Ante calquera molestia ocular.
Se despois da eclipse aparece visión borrosa, manchas ou dor nos ollos, débese acudir a un oftalmólogo. Os danos por radiación solar poden manifestarse horas despois, sen síntomas inmediatos.