Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN PON EN MARCHA TRES INICIATIVAS DE REFORZO EDUCATIVO PARA O NOVO CURSO
As tres propostas, impulsadas polo Servizo Sociocomunitario Municipal, buscan fortalecer as competencias educativas e o benestar familiar.
Martes, 8 de setembro de 2026. O Concello de Narón abre este mércores o prazo de inscrición para tres programas de apoio educativo enmarcados na súa oferta de Apoio Educativo para o curso 2026-2027. Trátase de “Escolas de Familia”, o obradoiro “Reforza TIC” e o proxecto “Sementando Futuro”. As tres iniciativas, xestionadas a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, están deseñadas para acompañar as familias e o alumnado naronés en distintas etapas educativas, desde a educación infantil ata a ESO e a Formación Profesional Básica. Escolas de Familia créase como un espazo de reflexión e formación para os membros da unidade familiar, no que abordar as principais problemáticas educativas a través de sesións participativas, obradoiros vivenciais e dinámicas de coaching educativo. Entre os seus contidos figuran o acompañamento escolar desde casa, a prevención de riscos dixitais, a saúde emocional e o benestar familiar, así como a diversidade e a inclusión. No caso do primeiro nivel de educación infantil formarase un único grupo, en horario de mañá ou de tarde segundo a demanda, mentres que para o resto de niveis educativos haberá grupo de mañá e de tarde. Pola súa banda, o obradoiro “Reforza TIC” está dirixido ao alumnado de educación primaria e ten como obxectivo reforzar as competencias básicas a través do uso de ferramentas dixitais interactivas. O programa combina o reforzo da comprensión lectora, o cálculo mental e a expresión escrita co desenvolvemento de habilidades dixitais, técnicas de estudo e organización, e dinámicas de traballo colaborativo, sempre desde unha perspectiva de uso responsable e crítico da tecnoloxía. Finalmente, “Sementando Futuro” é un programa de reforzo educativo dirixido a menores en situación de exclusión social, escolarizados en ESO e FP Básica, cunha dedicación de dúas horas semanais. A iniciativa aposta pola creación dun espazo seguro de acollida, o reforzo das competencias básicas, o desenvolvemento de habilidades persoais e sociais, e o acompañamento emocional do alumnado participante, combinando todo isto con actividades lúdicas e creativas. A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, destacou que "estes tres programas responden ao compromiso do Concello coa educación en todas as súas etapas, poñendo o foco tanto no acompañamento das familias coma na atención ao alumnado que máis o necesita". Ameneiro engadiu que "dende o Goberno local queremos que ningún neno ou nena quede atrás, e por iso reforzamos cada ano estas iniciativas de apoio educativo". As persoas interesadas en calquera dos tres programas poden solicitar máis información e formalizar a súa inscrición a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 33 77 00 (extensións 1122, 1108 e 1109) ou no correo electrónico omix@naron.gal.

<<< Setembro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
naron.gal