A BIBLIOTECA DE NARÓN ENCHE DE HISTORIAS A SEMANA DO DÍA DAS ESCRITORAS E DO DÍA DAS BIBLIOTECAS
Entre o 19 e o 24 de outubro, a biblioteca acolle unha conversa con autoras locais, un espectáculo de narración oral e unha proposta para as familias.
Mércores, 14 de outubro de 2026. A Biblioteca Pública Municipal de Narón continúa coa súa programación de “Outubro, mes das bibliotecas”, con tres actividades que se repartirán entre o luns 19 e o sábado 24 de outubro, e que van do Día das Escritoras ao Día das Bibliotecas.
A primeira cita será o luns 19, ás 18:00 horas, coa conversa-coloquio “Elas escriben”, que conmemora o Día das Escritoras. Participarán as autoras naronesas Ana Varela, Isabel Ramos e Raquel Villanueva, que compartirán experiencias arredor da creación literaria e da vivencia de escribir sendo muller. Do tempo para escribir, os coidados e a conciliación, á visibilidade e o recoñecemento das autoras, a construción de personaxes femininas ou a relación coas lectoras e os lectores. A perspectiva de xénero estará presente ao longo de toda a charla, vinculada ás experiencias das propias participantes e aos cambios que se produciron nos últimos anos no ámbito literario. O encontro forma parte do proxecto de prácticas dunha alumna do Ciclo Superior de Promoción da Igualdade de Xénero. Terá unha duración aproximada de 60 minutos e un espazo final para a participación das persoas asistentes. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
O venres 23, ás 19:30 horas, será a quenda de “A corva”, un espectáculo de narración oral para público xuvenil e adulto a cargo da contadora Cristina Collazo. A peza parte da figura de Carmen Montoiro, unha compoñedora de ósos dunha pequena vila da Estrada, e recupera cantos e contos da tradición oral galega. A proposta inclúe narración e busca a participación do público nun espectáculo interactivo no que as historias cobran vida e o mundo das mortas visita o das vivas, unha actividade especialmente axeitada para estas datas próximas ao Samaín. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
A semana pecha o sábado 24, ás 11:00 horas, co Día das Bibliotecas, que se celebra coa compañía Trémola Teatro e “A nena que comía todos os libros”, un espectáculo dirixido ao público infantil a partir de 3 anos e ás familias. Elisa ten un amigo cunha rara afección. Quería ser a persoa máis lista do mundo e sabía que a resposta estaba nos libros, pero, en vez de lelos, comíaos. Será posible chegar a ser a persoa máis lista do mundo comendo libros? Esta divertida aventura propón descubrir todo o que podemos atopar cando nos mergullamos nunha historia.
Para participar, os nenos e nenas deben ter os tres anos feitos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes. É imprescindible reservar nesta última actividade a partir do martes 20 de outubro, de maneira presencial ou chamando ao 981 382 173 en horario de apertura da Biblioteca.