A ALCALDESA DE NARÓN DESTACA O TRABALLO EN REDE DE ASPANEPS NO SEU 45+1 ANIVERSARIO
Marián Ferreiro participou en Ferrol na xornada “Pasado – Presente – Futuro”, onde puxo en valor a mirada comunitaria da entidade.
Venres, 16 de outubro de 2026. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participou esta mañá na xornada do 45+1 aniversario da Asociación de pais e nais de nenos e nenas con problemas psicosociais, Aspaneps, celebrada na sede de Afundación de Ferrol baixo o lema “Pasado – Presente – Futuro”. A rexedora interveu na mesa institucional xunto coa alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, a delegada da Xunta, Martina Aneiros, a deputada de Política Social da Deputación da Coruña Mar García Vidal e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, trala inauguración a cargo da presidenta da entidade, Mª Elena Rodríguez Seoane.
“Grazas aos fundadores de Aspaneps, que uniron as súas forzas para axudar os nenos con necesidades, e a todos os que participastes neste longo camiñar da asociación”, dixo Seoane, quen tamén agradeceu o apoio institucional “para o benestar dos nosos menores e persoas adultas con discapacidade”.
Na súa intervención, Marián Ferreiro lembrou que a xornada xira arredor do traballo en rede da asociación e defendeu que en Aspaneps “tedes autoridade para falar disto, porque o practicades dende o primeiro día. Se non existise Aspaneps habería que inventala”. A alcaldesa subliñou que, corenta e seis anos despois da súa creación, a asociación é a entidade de referencia na comarca para a infancia, as familias e as persoas con discapacidade intelectual, e que mantén “a mesma mirada comunitaria coa que empezastes: coas familias, coa escola, coa sanidade, coa contorna”.
A rexedora destacou a relación do Concello coa entidade: “Para Narón, Aspaneps é unha entidade moi próxima. Moitas familias naronesas pasan polo servizo de atención temperán e polos vosos programas”. Lembrou tamén que o Concello leva anos colaborando coa asociación e cofinanciando a atención socioeducativa que presta e comprometeuse a continuar apoiando o traballo que realizan coas familias e as persoas con discapacidade intelectual da comarca.
Ferreiro tivo unhas palabras de recoñecemento para as persoas que sosteñen a entidade: “Detrás do voso centro ocupacional e de cada programa hai persoas con décadas de servizo” e agradeceu o seu labor a todo o equipo e á Xunta directiva, antes de pechar a súa intervención parabenizando a Aspaneps polos seus “45+1 anos de intenso traballo”.
A programación da xornada incluíu tres mesas. A primeira, dedicada ao pasado e ao traballo en rede coa comunidade, contou con Ana Díaz, psicóloga clínica en Aspaneps dende 1983 e directora técnica entre 2000 e 2004; Jaime Ponte, médico rehabilitador na Unidade de atención temperá do Centro Base de Ferrol entre 1984 e 1999; Mª Victoria Fernández Mosquera, orientadora educativa do EOE da Coruña, e Joaquín Ayala, mestre de primaria e orientador. A segunda, centrada no presente, reuniu a Gabriela Medín, psicoanalista especializada na atención clínica á infancia e á adolescencia e coordinadora do programa psicosocial infantil da Fundación Aladina no Hospital Gregorio Marañón, e a Francisco Díaz, psicólogo clínico en Aspaneps dende 1990 e director técnico entre 2005 e 2026. A terceira, dedicada ao futuro, correu a cargo da Xunta Directiva e da Dirección Técnica da entidade.