TRES COROS E UNHA RONDALLA CELEBRAN CON CHORIMA O SEU QUINTO ANIVERSARIO NO AUDITORIO MUNICIPAL
A cita é este venres, 30 de outubro, ás 18:30 horas, co Concello de Narón como entidade colaboradora.
Venres, 30 de outubro de 2026. A Coral Chorima de Castro celebra este venres o seu quinto aniversario cun concerto de outono no que compartirá escenario con catro formacións invitadas. O “Outono Polifónico” terá lugar ás 18:30 horas no Auditorio municipal da Praza de Galicia, en Narón, e está organizado pola Asociación Cultural Chorima de Castro, coa colaboración do Concello.
A coral naceu en outubro de 2021 ao abeiro do Concello de Narón e conta na actualidade con 30 compoñentes e un repertorio moi variado. Desde 2024 forma parte da Federación Coral Galega (FECOGA) e da rede de actuacións da Deputación da Coruña. Baixo a dirección de Eusebio López Egea, será a anfitrioa dunha tarde pensada para celebrar cinco anos de música, amizade e ilusión.
Para a ocasión, Chorima convidou a catro agrupacións. A Coral Polifónica da Área Sanitaria de Ferrol, dirixida por David Sanmartín e vinculada ao ámbito sanitario; A Agrupación Coral Endesa-As Pontes, dirixida por Xurxo Iglesias e que conta con varios discos e premios; A Rondalla A.C. Trovadores de Ares, que dirixe Ángel Carro Guzmán, referente na recuperación da tradición musical e na divulgación da música popular; e desde Huelva chega a Coral Polifónica de Isla Cristina, creada en 1981 polo mestre Vicente Sanchis Sanz e dirixida por Virxinia Peña Gil, con máis de catro décadas de traxectoria e presenza en encontros musicais de ámbito nacional e internacional.
Cada formación levará ao escenario un repertorio propio, desde pezas de raíz galega como o “Alalá de Muxía”, “O Galopín” ou “Vento Mareiro” ata páxinas como “El oboe de Gabriel”, da banda sonora de “La Misión” ou “Concierto para una voz”. Chorima, pola súa banda, interpretará, entre outras pezas, o “Grândola Vila Morena” de Zeca Afonso, “Ramala Ding Dong” e un mashup galego.