A ALCALDESA ENTREGOU OS DIPLOMAS AO ALUMNADO DE DOUS CURSOS DE OPERADOR/A DE CARRETILLA E PLATAFORMA ELEVADORA PEMP
As accións formativas desta entrega de diplomas forman parte do Programa Municipal de Formación
Narón, 3 de novembro de 2026. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Formación, Natalia Hermida, entregaron esta mañá os diplomas correspondentes a dúas edicións dun curso de Operador/a de carretilla e plataforma elevadora PEMP (con certificación UNE) enmarcado no Programa municipal de Formación 2026.
A convocatoria desenvolveuse nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, ás 12:00 horas e á mesma estaban convocadas unha vintena de persoas, as que remataron as dúas últimas edicións, das catro celebradas este ano. O alumnado que recibiu hoxe o diploma acudiu ás clases que se desenvolveron entre os meses de setembro e o pasado outubro.
Cada unha das edicións tivo unha duración de 50 horas, durante as que se abordaron contidos vencellados coas carretillas elevadoras e plataformas elevadoras móbiles de persoal, así como módulos transversais de orientación laboral e busca de emprego, igualdade de oportunidades e perspectiva de xénero e PRL e Medio Ambiente no naval.
A rexedora local e a edil de Formación interesáronse ante o alumnado pola experiencia formativa destes meses e destacaron a implicación do Concello e o compromiso “coa formación das veciñas e veciños desempregados en sectores e áreas que teñen unha importante demanda en empresas da zona”.