O CONCELLO ABRIRÁ O LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN NO CAMPAMENTO DE NADAL PARA MENORES NADOS ENTRE 2014 E 2023
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, indicou que se dirixe a menores empadroados ou escolarizados na cidade
Narón, 7 de novembro de 2026. O Concello oferta este ano medio cento de prazas para o Campamento de Nadal que se desenvolverá nas instalacións do CRA de Domirón do 22 de decembro ao 7 de xaneiro. Trátase dunha proposta que, tal e como informou a edil de Benestar Social, María Lorenzo, se dirixe a menores nados entre 2014 e 2023 empadroados ou escolarizados en Narón e cuxos país/nais estean traballando nesas datas. O prazo de inscrición nesta iniciativa do Concilia Escola Narón, baixo o lema “A fábrica secreta da trasnada inventora” abrirá o vindeiro luns, día 9.
O programa contempla unha serie de actividades lúdico educativas que teñen entre as súas finalidades fomentar unha conciencia ecolóxica activa partindo de experiencias de reciclaxe, o respecto á natureza… Os menores desfrutarán tamén de xogos populares, deportivos, manualidades, dinámicas de animación, saídas e otras propostas. Todas elas desenvolveranse de luns a venres -de 9:00 a 14:00 horas e con opción para conciliación de permanecer no mesmo de 7:30 a 15:00-, agás os días festivos, nunha quenda e nas instalacións do CRA de Domirón, no Alto do Castiñeiro.
“Trátase dunha proposta de balde, pensada para que as familias poidan conciliar mellor nesas datas coincidindo coas vacacións escolares, e nas que se aproveita a ocasión para ofrecer un espazo educativo e, ao mesmo tempo lúdico, para as nenas e nenos”, subliñou María Lorenzo.
As solicitudes poderán presentarse dende o vindeiro luns día 9 ás 8:30 horas ata o 16 deste mes ás 13:30 horas no Rexistro Xeral do Concello, a través da sede electrónica, ou por calquera dos medios contemplados na Lei de procedemento administrativo. As prazas concederanse por baremación, tal e como se especifica nas bases.
Para obter máis información pódese consultar a sede electrónica do Concello ou contactar co Servizo Sociocomunitario municipal, a través do teléfono 981 337 700 (extensión 1108 e 1125).