ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NUNHA CLASE MAXISTRAL DE BATERÍA QUE SE IMPARTIRÁ NA CASA DA MOCIDADE
O concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, presentou as diferentes propostas que se desenvolverán coas clases maxistrais ata finais de decembro
Narón, 20 de novembro de 2026. O concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, informou da apertura, hoxe, do prazo de inscrición nas clases maxistrais que se impartirán na aula de música da Casa da Mocidade para persoas de 12 a 35 anos (con preferencia para as empadroadas en Narón). As convocatorias desenvolveranse entre o 27 de novembro e o 23 de decembro e as prazas son limitadas, debendo realizarse a inscrición a través dun código QR –co formulario- que se pode ver nos cartaces destas propostas.
A primeira das convocatorias será o día 27 deste mes, cunha clase maxistral de batería a cargo de Cris Castro, con máis de 30 anos de traxectoria profesional en concertos, xiras e docencia. Cun total de 15 prazas ofertadas, o alumnado traballará con motivos musicais, figuras xeométricas, movemento e emocións para explorar novas posibilidades a través do xogo, a expresión e a improvisación, ampliando recursos e descubrindo novas formas de expresión detrás do instrumento.
O día 5 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas, haberá unha clase de voz a cargo de Bea Rivas; o 11 dese mes, entre as 17:00 e as 19:00 horas unha de guitarra con Tony Torres; o 18 de decembro, de 18:00 a 20:00 unha de baixo impartida por Alejandro Masafret e o día 23 dese mesmo mes, de 11:00 a 13:00 unha de piano a cargo de Alfredo Susavila.
Para obter máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do mail: omix@naron.gal ou do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).