O CONCELLO ABRIRÁ A VINDEIRA SEMANA O PRAZO DE INSCRICIÓN NA CAMPAÑA DE NADAL DO COMERCIO DE NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, presentaron a convocatoria
Narón, 20 de novembro de 2026. O Concello de Narón abrirá o vindeiro martes o prazo de inscrición na Campaña de Nadal do comercio de Narón, que estará en vigor do 1 ao 24 de decembro e se estrutura en tres liñas. Así o anunciaron a alcaldesa, Marián Ferreiro e a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, recalcando que se aposta un ano máis, nunha das liñas desta campaña, por incentivar entre a cidadanía as compras nos pequenos comercios de Narón, entregando á clientela unhas papeletas -cun importe mínimo de compra- para que as cumplimenten e poder optar a varios agasallos. En total, no mes de decembro, sortearanse catro cestas de Nadal con productos cen por cento galegos e tres vales de compra por importe de 1.000, 600 e 400 euros. Os vales terán que utilizarse nun mínimo de tres establecementos participantes nesta campaña. A participación dos establecementos é voluntaria e de balde.
Outra das propostas é un concurso de decoración exterior dos establecementos, co fin de ambientar os locais comerciais da cidade. Os interesados poderán anotarse dende o vindeiro martes ata o 9 de decembro, comprometéndose a decorar os espazos exteriores e remitir imaxes da proposta ao correo da campaña (nadalcomercionaron@gmail.com). A esa mesma dirección deben enviar o nome da persoa de contacto e o do comercio e un número de teléfono.
A terceira proposta é o programa Datas saborosas de Narón, que consiste en promocionar a oferta gastronómica local durante o Nadal. Con esta finalidade recompilarase información dos establecementos hostaleiros que ofrezan menús especiais nesas datas, ceas de Nadal e propostas de comida para levar, para elaborar posteriormente unha listaxe conxunta que se difundirá a través das redes sociais do Concello e da Asociación de Comerciantes de Narón. As propostas deben enviarse tamén ao correo da campaña, rematando neste caso o prazo para facelo o vindeiro 4 de decembro.
“Queremos fomentar o consumo no pequeno comercio e na hostalería local coincidindo coa tempada de Nadal, dando a coñecer a gran variedade de establecementos asentados nesta cidade e a calidade da súa oferta”, apuntou Ferreiro. Así mesmo, a rexedora local indiciu na importancia de “premiar tamén a ambientación navideña nestes establecementos, para que xunto coa instalada dende o Concello dinamice tamén a cidade”
A alcaldesa e a concelleira animaron aos sectores aos que se dirixe esta campaña a inscribirse na mesma “para poder ofrecer conxuntamente o gran potencial que ten esta cidade tanto no sector comercial como no hostaleiro”.