MARIÁN FERREIRO ENTREGOU AO ATLETA PABLO VÁZQUEZ MAIZTEGUI O PREMIO AO MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2026
Un abarrotado Pazo da Cultura acolleu o acto, no que se destacou a numerosos deportistas nas súas respectivas disciplinas
Narón, 27 de novembro de 2026. O Pazo da Cultura foi novamente esta noite o escenario no que se desenvolveu a Gala do Deporte de Narón, que alcanzou este ano a súa trixésimo sétima edición. Unhas setecentas persoas déronse cita neste evento, que deu comezo ás 21.00 horas no que a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, entregou ao remate, como é tradicional, o premio ao “Mellor Deportista de Narón 2026” a Pablo Vázquez Maiztegui, do Club Atletismo Narón. No transcurso da Gala a rexedora local estivo acompañada polo edil de Deportes, Ibán Santalla, e outros concelleiros e concelleiras da corporación local que entregaron as distincións a outros deportistas en diferentes modalidades.
Pablo Vázquez iniciouse no atletismo no colexio Mercedarias de Ferrol, onde estudaba e unha vez na categoría infantil continúa nesta modalidade deportiva da man do Club Atletismo Narón. Durante a súa traxectoria formou parte da selección galega no campionato de España de campo a través, foi campión galego de cinco quilómetros ruta en Oroso; campión galego de cinco quilómetros pista ao aire libre en Cervo e campión galego de milla en ruta en Redondela, nos tres casos o pasado mes de marzo. Así mesmo, acadou o sétimo posto no campionato de España de 5.000 en pista ao aire libre en maio en Menorca. A este palmarés suma un décimo posto no campionato de España de pista cuberta na proba de 1.500 metros e foi campión de España de 2.000 obstáculos nas Olimpíadas da mocidade en Dakar este mes de novembro e campión de Europa en 2.000 obstáculos en Rieiti en xullo de 2026.
Na súa intervención, a alcaldesa asegurou que dende o goberno local “continuamos traballando para dar o apoio que o deporte precisa para medrar, fortalecerse e consolidarse, proporcionando o financiamento, as infraestruturas deportivas e o recoñecemento necesarios”. Na súa intervención a alcaldesa tivo unhas palabras para recordar a Simón Cabarcos Novás, funcionario municipal falecido recentemente e moi vencellado ás áreas de Educación viaria, Protección Civil e Prevención. “Simón era desas persoas que estaban cando facía falta, das que sumaban, das que facían máis sinxelo o traballo e máis agradable o camiño aos que tivemos a sorte de compartilo con el”, destacou, recordando a súa enerxía, vitalidade e grande calidade humana mentres se proxectaban no acto varias imaxes de actos e actividades nas que participou activamente.
Para pechar a súa intervención Ferreiro agradeceu o labor dos clubs, directivas, persoal de adestramento, do Padroado de Deportes, integrantes do xurado e familias e felicitou a todas e todos os deportistas
Pola súa banda o edil de Deportes, Ibán Santalla, recordou tamén a figura de Simón Cabarcos e a pegada que deixa no deporte local. Así mesmo, asegurou que “cando falamos de deporte non podemos pensar unicamente nos grandes títulos, nas medallas ou nos récords. Temos que pensar tamén nos nenos e nenas que comezan a dar os seus primeiros pasos nunha instalación deportiva, nos mozos e mozas que adican horas a adestrar, nos deportistas que superan dificultades e nos e nas que, día tras día, representan con orgullo o nome de Narón”.
No transcurso do evento nomeouse aos Deportistas do ano nas modalidades de atletismo, automobilismo, automodelismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, boxeo, ciclismo, danza urbana, fútbol, fútbol sala, golf, hockey, judo, kárate, kickboxing, motociclismo, natación, pádel, piragüismo, rallye slot, remo, silvestrismo, tenis de mesa, tiro con arco, tiro olímpico, triatlón, voleibol, xadrez, e ximnasia rítmica.
Así mesmo, entregáronse tamén as mencións especiais pola súa dedicación e entrega á difusión do deporte a Alfonso López Teijeiro, xornalista e exdirector de Radio Ferrol, Cadena SER; Mellor promesa á selección Galega sub-18 feminina (Lúa Teijeiro Aneiros, Lía Lage Pernas e Iria Zaragoza López) do Club Arco Narón; Mellor Proxección deportiva, para Manu Fernández Arroyo, do Cádiz Club de Fútbol; polos resultados a nivel internacional a Lorena Bermúdez Doce e Juan López Porta, do ICB Coruña; polos éxitos deportivos obtidos no último ano, a Narón Kids, do Club de Baile Deportivo Narón; ao Mellor adestrados, para Alberto Mario Castro Pena, da AD Judo Ferrolterra; ao Mellor club, para a SDVR Narón O Freixo; polo traballo desinteresado ao longo dos anos, a Martín Martínez Pérez, do Club de Remo Narón; á Mellor traxectoria deportiva, para Iago Fuertes Leonardo, de Centro de Pádel San Mateo e pola súa consolidación na élite, a Sara Guerrero Manso, da AD Náutico Narón.
A Gala abriu cunha actuación de baile de Paso a Paso e durante o transcurso da mesma tamén se subiron ao escenario do Pazo os integrantes de All Dance.
A XXXV Gala do Deporte de Narón rematou co acto de entrega do premio ao Mellor deportista do ano de Narón, Pablo Vázquez Maiztegui, da man de Marián Ferreiro, e cunha fotografía de familia no escenario do Pazo en recordo desta edición do evento.