Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ESCOLA DE BENESTAR DE NARÓN ABRE ESTE MÉRCORES AS INSCRICIÓNS PARA AS AULAS DE BENESTAR E O PROGRAMA SAÚDE ACTIVA
O Concello pon en marcha dúas novas actividades gratuítas do seu programa sociosanitario, dirixidas a mulleres e a persoas con enfermidades crónicas.
Martes, 8 de setembro de 2026. O Concello de Narón abre este mércores, 9 de setembro, o prazo de inscrición para dúas novas actividades da Escola de Benestar: as Aulas de Benestar, destinadas a mulleres, e o programa Saúde Activa, pensado para persoas que conviven cunha doenza crónica. Ambas as dúas actividades son de balde, darán comezo en outubro e prolongaranse ata xuño de 2027. As Aulas de Benestar ofrecen un espazo de traballo grupal centrado na saúde emocional, as habilidades sociais e o autocoidado. Os contidos —que se consensuarán coas participantes nas primeiras sesións— abordarán cuestións como a xestión emocional, a autoestima, o pensamento crítico, a resolución de conflitos, a soidade ou a perspectiva de xénero e o empoderamento. O programa organízase en tres grupos con horarios distintos: martes de 10.00 a 12.00 horas e martes de 16.30 a 18.30 horas no centro cívico social de Virxe do Mar, e mércores de 19.00 a 20.30 horas na Casa da Mocidade. Conta con 36 prazas en total —12 por grupo— e está dirixido a mulleres de entre 18 e 60 anos empadroadas en Narón. O programa Saúde Activa propón grupos de actividade física adaptada para persoas con enfermidades crónicas, combinada co traballo das habilidades sociais e a xestión emocional desde un enfoque biopsicosocial. Celébrase en tres quendas horarias de martes e xoves: de 12.00 a 13.00 horas no centro cívico social de Virxe do Mar, e de 18.00 a 19.00 ou de 19.00 a 20.00 horas na Escola de Domirón. Cada grupo conta tamén con 12 prazas. Poden participar persoas empadroadas en Narón maiores de 18 anos que padecen algunha doenza crónica. As solicitudes para estas dúas actividades poden presentarse a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral, mediante o formulario normalizado, ata completar as prazas dispoñibles. As persoas seleccionadas serán contactadas por teléfono. Para máis información pódese contactar a través do número de teléfono: 981 337 700, extensións 1108, 1109 e 1125. "A Escola de Benestar naceu para chegar a persoas que moitas veces non atopan na oferta habitual un espazo pensado para elas. As Aulas de Benestar e o programa Saúde Activa son dous exemplos do que queremos facer: actividades gratuítas, en horarios accesibles e cun enfoque integral que vai máis alá do físico”, asegurou a concelleira de Benestar, María Lorenzo, que animou as persoas interesadas a formalizar a súa inscrición a partir deste mércores.
Descarga de archivos
Tamaño:3,62 MB

<<< Setembro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
naron.gal