Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
NARÓN SÚMASE AO CHAMAMENTO DA MANCOMUNIDADE E PIDE Á VECIÑANZA UN CONSUMO RESPONSABLE DE AUGA ANTE A SECA
Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a prealerta por seca activada por Augas de Galicia.
Martes, 15 de setembro de 2026. O Concello de Narón, en liña co acordado pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, fai un chamamento á veciñanza para manter un uso responsable e racional da auga ante a situación de prealerta por seca activada por Augas de Galicia. Na xuntanza mantida, os alcaldes e alcaldesas abordaron a reparación de fugas na Ponte das Pías co financiamento dos concellos e a xestión ante outras administracións, e conviñeron manter unha xuntanza técnica coa Xunta para o seguemento da prealerta. O Concello de Narón lembra que os municipios da comarca xa adoptaron en xullo unha serie de medidas de aforro, anticipándose á evolución da situación e co obxectivo de contribuír á preservación dos recursos hídricos. Entre elas, están a redución do rego de xardíns, hortas e zonas verdes con auga da rede; a prohibición de encher ou repoñer auga en piscinas particulares, desmontables ou permanentes; a limitación da limpeza de vehículos en domicilios particulares; e a redución de baldeos de rúas, patios, terrazas, fachadas, muros, garaxes ou calquera outro espazo exterior con auga potable. Tamén se pide reducir ao máximo o uso de fontes ornamentais que non conten con circuíto pechado, pechar a billa cando non sexa necesario, acurtar o tempo das duchas e empregar a lavadora e o lavalouzas sempre a carga completa. Desde o Concello de Narón tamén se interveu directamente sobre a xestión municipal para reducir o consumo. Así, cortouse a subministración nas fontes públicas, levouse a rega e os baldeos das rúas ao mínimo indispensable e intensificouse a vixilancia para detectar e reparar posibles fugas na rede. A alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou que "o aforro de auga é responsabilidade de todos e todas, e dende o Concello seguiremos traballando para garantir o abastecemento mentres pedimos á veciñanza que manteña estes hábitos de consumo responsable no día a día".
Descarga de archivos
Tamaño:117,49 KB

<<< Setembro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal