A proba, enmarcada na Semana Europea da Mobilidade, terá lugar este 20 de setembro a partir das 11:00 horas co paseo de Xuvia como saída e chegada.
Mércores, 16 de setembro de 2026. O Día da Bicicleta de Narón, que tivo a súa primeira edición no ano 2008, é xa unha cita fixa no calendario de eventos do municipio. Este 2026, o Concello volve celebrar, en colaboración con Radio Voz, unha nova edición coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, que se desenvolve entre os días 16 e 22 de setembro. A proba terá lugar este domingo, 20 de setembro.
A presentación do evento correu a cargo da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e do edil de Seguridade Cidadá, José Oreona. Ferreiro, destacou que "o Día da Bicicleta é xa unha tradición que une deporte, familia e mobilidade sostible en Narón, e este ano volve confirmar a boa acollida dunha cita que Narón fai súa dende hai case vinte anos". “É unha oportunidade magnífica para que centos de familias naronesas gocen do deporte en compañía”, afirmou Oreona, que fixo fincapé na seguridade pedindo a todas as persoas participantes que extremen a precaución e respecten as normas establecidas.
O percorrido deste ano, deseñado para todas as idades, partirá do paseo de Xuvia e discorrerá pola rúa Marcial Calvo, a estrada de Castela, Rafael Bárez, a estrada da Gándara, a Ponte das Cabras, de novo a estrada de Castela e a rúa Papa Xoán XXIII, para rematar tamén no paseo de Xuvia. Ao finalizar, os participantes contarán cun avituallamento por xentileza de Vegalsa Eroski e Leche Celta.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición nos días previos no enderezo da rúa Manuel de Cal, en Ferrol, e nas dependencias do Concello de Narón. Tamén é posible inscribirse o propio día da proba, no paseo de Xuvia, en horario de 10.00 a 10.45 horas. A concentración está prevista ás 10.30 horas e a saída, ás 11.00 horas.
Os máis pequenos poderán participar en bicicleta con rodas de apoio, aínda que neste caso farán un percorrido reducido, saíndo e regresando polo paseo de Xuvia sen completar todo o trazado. O uso do casco é obrigatorio en todos os casos e non se permitirá a participación con patinete eléctrico, unha medida pensada para garantir que a xornada transcorra con total seguridade
Un ano máis, xa está todo listo para que o Día da Bicicleta de Narón reúna a centos de participantes nunha xornada de deporte e diversión aberta a todos os públicos.
O evento conta co apoio de patrocinadores, establecementos e diversos colectivos e corpos de seguridade. Patrocinan o evento Vegalsa Eroski e o Grupo Intaf. Todas as persoas inscritas entrarán no sorteo final de agasallos, cedidos por empresas e establecementos da zona como Bioreona, Din&Don Narón, a Cooperativa O Val, Burbujas, Ortegal Oil, Ferretería Hermanos Pena e Con Feitura. Colaboran ademais Educación Viaria, Protección Civil, Speis, a Policía Local e o club Fojeteiros.