AS 21 LEGUAS DE NARÓN CHEGAN ESTE SÁBADO Á SÚA QUINTA EDICIÓN CON 1.150 PERSOAS INSCRITAS
A proba de ultrafondo que organizan o Concello e o Club Deportivo Narón 101 presentouse este luns no Centro de Interpretación dos Museos Industriais de Xuvia (CIMIX).
Luns, 21 de setembro de 2026. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presentou esta mañá no Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) a quinta edición das “21 Leguas. Os 101 quilómetros de Narón”, a proba de ultrafondo que pechou este ano as inscricións con 1.150 participantes. A cifra supera a do ano pasado, acadando nova marca de inscritos.
No acto acompañaron a rexedora Óscar Somorrostro, presidente do Club Deportivo Narón 101, que organiza o evento co Concello; os concelleiros de Deportes e de Seguridade Cidadá de Narón, Ibán Santalla e José Oreona; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; Carlos Sicre Romero, xefe das Instalacións Deportivas da Armada en Ferrol; os concelleiros de Deportes de Ferrol e Valdoviño, Ricardo Aldrey e Sergio Saavedra; e, en representación de Naturgy, Sabela Muñoz (Desenvolvemento de Naturgy Renovables Galicia) e Sara Gil (Construción de Naturgy Renovables).
A saída e a meta da proba será no Paseo marítimo de Xuvia. Os marchadores terán 24 horas para completar o percorrido por Narón e comarca e os ciclistas, tanto de MTB como de e-bike, un máximo de 12. Sairán ás 8:30 horas do sábado 26 e os marchadores farano ás 9:00. A véspera, o venres 25, haberá un concerto de La Indirigible ás 20:00 horas, amenizando a entrega dos últimos dorsais.
Do total de inscritos, o 55 % participa como marchador e o resto en bicicleta. Chegan de toda España, sobre todo de Andalucía, Madrid, Asturias e Cataluña, e a organización destaca como dato a presenza de participantes de Portugal e Suíza. O mesmo sábado, ás 10:00 horas, celebrarase tamén a 21 Leguas Kids que se desenvolverá por idades ata as 12:00 horas, aproximadamente. Ao remate desta proba infantil haberá chocolate con churros para os menores así como inchables para gozar da xornada.
A guía do corredor, xa publicada en 21leguas.es, detalla as novidades desta edición. O GPS é obrigatorio para os marchadores nos 101 quilómetros. A organización entrégao aceso antes da saída e recóllese na meta, e incorpora un botón SOS e seguimento en directo para que os achegados poidan seguir a proba. Hai tamén unha pulseira de peche permanente, que se leva no pulso as 24 horas, identifica a quen a porta se perde o dorsal e dá acceso aos avituallamentos e á zona de meta. Ao chegar aquí, as persoas participantes atoparán comida, bebida e animación
Tamén no quilómetro 72, os participantes terán á súa disposición comida e cea quentes (pasta, empanada, biscoito e café) e poderán coller da súa bolsa de vida o que precisen e deixar o que sobre, xa que a organización leva a bolsa de volta á meta. Os ciclistas contarán con taller móbil de Ciclos Roca en dous puntos do percorrido: no Cabo Prior (km 46) e no parque eólico de Naturgy (km 86,8), aínda que se aconsella levar o propio kit de reparación.
Na súa intervención, Marián Ferreiro agradeceu a colaboración institucional que fai posible esta proba. “Unha carreira de 101 quilómetros que pasa por varios concellos non sae adiante sen a axuda de moitas institucións. Grazas á Xunta, aos concellos de Ferrol e Valdoviño, á Armada e a Naturgy polo apoio que dan cada ano á proba. Sen esa colaboración, sería imposible celebrar unha cita destas dimensións”, sinalou. A alcaldesa de Narón tivo tamén palabras de agradecemento para “as persoas voluntarias que están ao pé da competición, nalgúns casos 24 horas, e sen as que tampouco sería posible realizar este grande evento”.
O presidente do Club Narón 101 confirmou que está xa todo listo para dar a saída a esta proba. “Estamos algo pendentes do tempo, parece que vai ser bo pero estamos a seguir a previsión. Xa tivemos todas as opcións meteorolóxicas posibles, desde calor extremo a choiva coma o ano pasado. En calquera caso, estamos preparados para o que veña”, asegurou Somorrostro que lles desexou toda a sorte ás persoas participantes.
Pola súa banda, a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, sinalou que despois de cinco anos o 21 Leguas de Narón é “unha proba consolidada, unha referencia na nosa comarca desde o punto de vista deportivo”. Para a delegada, o récord de inscricións “acredita o interese que está espertando” e fará que veña moita xente tanto da contorna como de fóra dela, destacando o valor turístico da proba, na que se poden gozar da paisaxe e do patrimonio, citando o Arsenal de Ferrol como un dos elementos que enriquecen o traxecto. Aneiros agradeceu a implicación dos concellos, “a Narón en especial, que leva a voz cantante desta organización”, así como a do club organizador e a das entidades patrocinadoras, que considerou “necesarias para organizar eventos coma este”.
O concelleiro de Deportes de Ferrol amosou o compromiso total da cidade co desenvolvemento desta proba e “para que siga sendo o que é, unha competición de alto nivel”. Desde Valdoviño, o edil Sergio Saavedra destacou “o espectacular do percorrido, cos paraxes desta comarca”, desexando que sexa todo un éxito.
En representación do Arsenal Militar, Carlos Sicre agradeceu que se conte un ano máis coa Armada para formar parte desta carreira e desexou que “os participantes gocen do seu paso polas instalación e poidan gozar tanto do patrimonio histórico como dos buques alí atracados”.
Por último, desde Naturgy, Sabela Muñoz agradeceu a invitación e felicitou o club pola organización dunha proba que cualificou de “admirable”. Puxo as 21 Leguas como exemplo de convivencia entre unha actividade deste tipo e o territorio. Tras desexar sorte a todos os participantes, destacou o privilexio de “ser testemuñas, un ano máis, do que é capaz o corpo humano”.
Ao longo do percorrido de 101 quilómetros haberá 12 puntos de avituallamento. Máis de 200 persoas, entre persoal sanitario, forzas e corpos de seguridade, protección civil e voluntariado velarán polo correcto funcionamento da proba que implicará algunas restricións no tráfico rodado que serán debidamente sinalizadas.