Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DE NARÓN AMPLÍA O PRAZO DE SOLICITUDE DE ACTIVIDADES EDUCATIVAS PARA OS CENTROS ESCOLARES
A oferta inclúe obradoiros no Muíño de Pedroso, visitas guiadas no CIMIX e programas de coñecemento do contorno e educación para a saúde nos centros escolares. A nova data límite é o 30 de setembro.
Mércores, 23 de setembro de 2026. O Concello de Narón vén de ampliar ata o mércores 30 de setembro o prazo para que os centros educativos do municipio soliciten as actividades educativas programadas para o curso 2026-2027. O prazo, aberto dende o 9 de setembro, quedaba curto para que o profesorado puidese revisar con calma toda a oferta dispoñible, polo que se decidiu ampliar o período de solicitude. Toda a información está dispoñible na web https://buscoactividade.naron.gal/, onde se pode consultar o dossier completo coa programación educativa municipal para este curso, así como descargar o formulario de solicitude. Unha vez cuberto, o formulario debe enviarse por correo electrónico ao enderezo m.carrodeguas@naron.gal. A oferta municipal abrangue actividades de coñecemento do contorno dirixidas a distintas etapas educativas, coa finalidade de que o alumnado coñeza de primeira man os servizos e as instalacións do seu concello. Entre elas figuran a visita á Biblioteca Pública Municipal e á Axencia de Lectura da Gándara, o itinerario polo Pazo da Cultura, a visita ao Centro Sociocomunitario Manuela Pérez Sequeiros ou as visitas á Ludoteca Municipal e ao Centro de Recursos Solidarios. Para o alumnado de educación infantil e de 6º de primaria proponse ademais un itinerario teatralizado pola Casa Consistorial, que no caso dos cursos superiores inclúe un escape room, "Narón é un misterio", no que o alumnado colabora coa alcaldesa para resolver un enigma relacionado coa memoria histórica do municipio. No eido da educación para a saúde, o Concello mantén a súa programación de obradoiros sobre prevención de condutas adictivas, habilidades sociais, uso responsable das novas tecnoloxías, convivencia escolar e prevención do acoso, así como sobre nutrición saudable e trastornos da conduta alimentaria. Estas actividades diríxense a distintos cursos de primaria, ESO e formación profesional, e nalgúns casos contemplan tamén sesións específicas para as familias e o profesorado. A oferta complétase coas actividades que se desenvolven na área medioambiental do Río Xuvia-Pedroso e no Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX). No Muíño de Pedroso os centros escolares poden solicitar obradoiros de recuperación do patrimonio etnográfico, como os de elaboración de pan e de queixo, cestería, fiado da lá ou traballo do coiro, xunto con propostas de educación ambiental como a horta ecolóxica, a cosmética natural, a elaboración de marmeladas, a reciclaxe creativa ou os itinerarios polo río Xuvia. Complétanse cunha ampla oferta de actividades físicas e de lecer no medio natural, entre elas o tiro con arco, os xogos populares e predeportivos, o paintball infantil, o bubble soccer ou varios escape rooms, así como obradoiros de prehistoria, electricidade e xogos de lóxica. No CIMIX, pola súa banda, ofértanse visitas guiadas á antiga Real Fábrica de Fariñas de Lestache, que se poden completar cun obradoiro didáctico adaptado a cada nivel educativo, desde educación infantil ata bacharelato.

<<< Setembro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal