O CONCELLO DE NARÓN ADXUDICA TRES OBRAS NO PAVILLÓN DAS LAGOAS POR MÁIS DE 77.000 EUROS
Á reparación da cuberta e da drenaxe exterior súmanse a ampliación do graderío superior, a instalación de liñas de vida e a colocación dun novo marcador.
Venres, 2 de outubro de 2026. O Concello de Narón vén de adxudicar tres obras no pavillón das Lagoas que, en total, suman 77.519,23 euros. Trátase da reparación da cuberta e da drenaxe exterior, a ampliación do graderío superior e a instalación de liñas de vida na cuberta.
"Con estas tres actuacións damos resposta a un problema que se viña arrastrando no pavillón das Lagoas dende hai tempo, e melloramos as condicións da instalación para quen a usa a diario", sinalou o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla.
A maior contía está destinada á reparación da cuberta e da drenaxe exterior, adxudicada por 42.961,03 euros. Esta actuación, cun prazo de execución previsto de tres meses, ten como obxectivo dar solución á problemática continuada de humidades e filtracións que rexistra o pavillón. Ata agora, a auga da chuvia recollíase nun canlón interior agochado tras un peto, unha disposición que favorecía as filtracións. As obras eliminarán o canlón e o peto e colocarán unha nova chapa que levará a auga directamente ao exterior da fachada.
De forma complementaria, actuarase tamén sobre o lado oeste do edificio, onde a cota do terreo se atopa por riba da do pavillón, unha circunstancia que vén provocando problemas de filtración na fachada. Para resolvelo, executarase unha nova drenaxe perimetral que recollerá as augas do terreo e evitará que continúen afectando o inmoble.
Xunto a esta intervención, o Concello adxudicou otras dúas no mesmo pavillón. Por un lado, a ampliación do graderío superior, que ascende a 24.243,95 euros. Por outro, a instalación de liñas de vida na cuberta, por 10.314,25 euros, para que quen faga traballos de mantemento no tellado poida traballar con seguridade. Ademais, destínanse 4.500 euros á colocación dun novo marcador.