O CONCELLO DE NARÓN SOMETE A INFORMACIÓN PÚBLICA OS REGULAMENTOS DE ESPECTÁCULOS PÚBLICOS E DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
Os dous textos, incluídos no Plan Normativo do Concello para 2026, están dispoñibles no portal de transparencia municipal. A cidadanía pode presentar alegacións ata o 22 de setembro.
Martes, 9 de septiembre de 2026. O Concello de Narón deu inicio ao trámite de audiencia e información pública de dous novos regulamentos municipais, contemplados no Plan Normativo aprobado para o exercicio 2026. Trátase do Regulamento de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas e do Regulamento de Réxime Interior das Instalacións Deportivas, cuxos primeiros borradores xa se poden consultar no portal de transparencia da web municipal: https://transparencia.naron.gal/planificacion-elaboracion/.
O prazo para presentar alegacións e aportacións a ambos os dous textos remata o próximo 22 de setembro. Este trámite, regulado polo artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ten como obxecto dar audiencia á cidadanía afectada e recabar cantas suxestións adicionais poidan realizar tanto persoas particulares como organizacións e asociacións representativas.
O Regulamento de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas vén dar resposta á falta dunha normativa propia que regule esta materia no municipio. O novo texto recollerá os requisitos administrativos e as condicións técnicas e de seguridade necesarias para a organización deste tipo de actividades nos distintos espazos do Concello, coa finalidade de dotar de maior axilidade e coherencia procedemental a este ámbito.
Pola súa banda, o Regulamento de Réxime Interior das Instalacións Deportivas actualizará a normativa vixente, aprobada en 1997, incorporando as instalacións executadas dende entón e regulando aspectos como a adxudicación do uso das instalacións ou o sistema de baixas para usuarios e clubs que non fagan uso destas ou incorran en impagos por un período superior a tres meses.
Ambos os dous expedientes xa foron sometidos previamente a un trámite de consulta pública previa á redacción dos textos, polo que esta nova fase de audiencia supón un paso máis no proceso de elaboración normativa antes da súa tramitación e aprobación definitiva.