Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UN ACORDO DE ALINGUA CO CCG IMPULSARÁ A PROMOCIÓN E USO DO GALEGO ENTRE AS FAMILIAS
A primeira acción será un encontro con familias do programa Apego o 7 de novembro en Santiago para coñecer os seus hábitos de lecer en galego.
Mércores, 14 de outubro de 2026. Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega da que forma parte o Concello de Narón a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, vén de asinar co Consello da Cultura Galega (CCG) un protocolo de colaboración para desenvolver accións conxuntas de promoción e normalización lingüística. O protocolo establece un marco de cooperación que permitirá programar actividades culturais, intercambiar proxectos e materiais, elaborar recursos didácticos e divulgativos e levar adiante traballos de investigación sobre a situación do galego. Tamén contempla a posibilidade de colaborar con outras institucións e prevé a creación dunha comisión de seguimento, formada por representantes das dúas entidades, que coordinará e avaliará as actuacións. Entre as primeiras iniciativas figura un estudo, a cargo do Observatorio da Cultura Galega, sobre a oferta e a demanda de produtos e servizos en galego para nenos e nenas. O traballo busca coñecer mellor as necesidades das familias e facilitar que conecten coa oferta existente. A primeira fase será un encontro que se celebrará o próximo 7 de novembro en Santiago de Compostela, coordinado desde Alingua, no que participarán familias do programa Apego. Nunhas roldas comunicativas, as familias porán en común as súas experiencias ao redor dos consumos cotiáns e de lecer en galego e analizarán a dispoñibilidade, o prezo, a calidade ou a adecuación á idade dos produtos e servizos. O que se recolla na xornada, xunto cos resultados dunha consulta en liña posterior, servirá para identificar as principais carencias da oferta e, despois, achegar as demandas das familias ao tecido produtor e empresarial. Alingua constituíuse en 2019 para promover, coordinar e impulsar accións que incrementen o uso do galego. O Concello de Narón forma parte da asociación a través do Servizo de Normalización Lingüística, co que participa nas iniciativas que a entidade desenvolve na defensa e promoción da lingua.

<<< Outubro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal