Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONMEMORA CON VARIOS ACTOS O DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER
A rexedora local, Marián Ferreiro, e as edís de Igualdade, María Lorenzo, e Bibliotecas, Olga Ameneiro, presentaron as diferentes propostas
Narón, 5 de novembro de 2025. O Concello de Narón deseñou un completo programa de actos, con propostas para persoas de diferentes idades, para conmemorar este mes o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e as edís de Igualdade, María Lorenzo, e Bibliotecas, Olga Ameneiro, presentaron esta mañá a programación ao completo. A Semana da Muller na Ciencia, que se desenvolve dende hoxe ata este sábado, inclúe catro propostas, con Marie Curie como protagonista e o Pazo da Cultura e o Auditorio municipal como escenario das mesmas. A cidade adica a primeira semana deste mes ás mulleres que fixeron avanzar na ciencia e, con ese motivo, ás 11:30 horas de hoxe representouse no Auditorio municipal “A máquina do tempo das científicas”, de Trémula Teatro. Un pase ao que acudiron uns 200 escolares, acompañados por mestres, dos colexios Santiago Apóstol, Ayala, Jorge Juan, Ponte de Xuvia, A Solaina, e das escolas do Val e Domirón. A obra segue a unha rapaza que viaxa no tempo para coñecer algunhas das mulleres extraordinarias que cambiaron a historia da ciencia. Na xornada de mañá inaugurarse ás 12:00 horas no vestíbulo do Pazo unha exposición de paneis sobre a vida de Marie Curie, que permitirá coñecer a súa traxectoria e os momentos máis destacados da súa biografía. Tamén mañá venres e o sábado se poderá ver nas citadas instalacións –ás 20:00 horas- un biopic poético, “Curie ou a simetría dos fenómenos físicos”, de Empatía Teatro, dirixida por Santiago Cortegoso, pensada para público adulto e que propón unha viaxe no tempo pola vida de Marie Curie, primeira muller en gañar un premio Nobel e tamén pioneira en recibir dous en dúas disciplinas científicas distintas, Física e Química. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo e na web: www.padroadodecultura.es. Outra das propostas do Pazo, na xornada do sábado, é a presentación -18:30 horas- do libro “Descubre a María Sklodovska-Curie”, a cargo de Belén Yuste e Sonia L. Rivas Caballero, autoras e biógrafas autorizadas que se encargarán de repasar a vida de Curie. As propostas do Concello continuarán o 16 de novembro, cunha mostra bibliográfica audiovisual. “Romper co molde: repensar as masculinidades” é o título desta exposición, que se poderá ver do 16 ao 30 de novembro na Biblioteca municipal. Esa mesma xornada, na canle de YouTube do Concello de Narón poderase ver o vídeo “Gema”, de mulleres referentes de Narón, que aborda o tema da violencia machista. Os días 20 e 21 de novembro haberá un obradoiro de defensa persoal no pavillón da Casa da Mocidade, na Gándara. Na primeira xornada será pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas, e a segunda pola mañá, de 10:00 a 13:00. As interesadas en acudir poden anotarse ata o 17 de novembro chamando ao número de teléfono 633 497 990. O contacontos “Moito que limpar”, de Caxoto, o día 28 de novembro ás 11:00 horas na Biblioteca municipal, dará continuidade á programación, Trátase dunha proposta dirixida a menores a partir de 4 anos e no que se abordan temas como a educación en valores e a igualdade de xénero. Ao longo deste mes de novembro tamén se está desenvolvendo nos centros de ensino da cidade o “Escape room pola igualdade”, pensado para menores que cursan sexto de Primaria. A alcaldesa destacou a gran variedade de propostas deseñadas con motivo do 25N, “un día moi importante no que nos quixemos centrar na educación, na prevención e no compromiso social para continuar dando pasos firmes de cara á erradicación da violencia contra as mulleres, co fin de acadar unha sociedade igualitaria, libre de calquera manifestación de violencia”. Dende o Concello animan á cidadanía a participar activamente nestas propostas, incidindo na importancia de que “o camiño que nos queda por andar para acadar os obxectivos previstos precisa da implicación de toda a sociedade”.

<<< Novembro 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal